Tuesday 28 de April de 2026

O PSdeG alerta dun retroceso “moi preocupante” do turismo e acusa ao Goberno de Sanmartín de non ter nin planificación nin resposta


Os socialistas advirten dunha caída xeneralizada en todos os indicadores turísticos no primeiro trimestre de 2026, con descensos de ata o 24% nas pernoctacións e un impacto directo no emprego e na actividade económica da cidade.

Guinarte reclama reacción inmediata, máis diálogo co sector e medidas concretas para reverter unha tendencia “altamente preocupante”, ao tempo que critica a falta de planificación e o bloqueo de ferramentas clave como a taxa turística e o Plan de Sustentabilidade.

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, advertiu da evolución negativa do turismo en Santiago tras coñecerse os datos do Instituto Nacional de Estatística do primeiro trimestre do ano, confirmando unha “tendencia altamente preocupante” que xa se viña observando nos últimos meses.

Os datos evidencian unha caída significativa da actividade turística na cidade, cun descenso tanto no número de visitantes como nas pernoctacións, dado que “o número de viaxeiros en Santiago descendeu un 22%” e “o número de pernoctacións tamén descendeu unha cifra equivalente, un 24%”.

Segundo explica o voceiro socialista, esta evolución está a ter tamén un impacto directo no emprego do sector, advertindo de que “tamén descendeu o número de traballadores do sector, dun xeito importante”, nun contexto no que “todos os datos son altamente preocupantes”.
Guinarte puxo o foco no impacto global desta situación sobre a economía da cidade, subliñando que “afectan non só o sector do aloxamento turístico en todos os seus ámbitos directamente” senón que tamén afecta “moi directamente a outros ámbitos como todo o que ten que ver coa restauración” o que evidencia o impacto directo desta caída sobre o conxunto da economía da cidade.

Ademais, advertiu da gravidade de que esta caída se produza en tempada baixa, cando Santiago debería exercer como principal motor turístico de Galicia, xa que segundo os socialistas, “sendo o elemento de atracción maior do turismo a Galicia en tempada baixa” é moi preocupante que a cidade “estea arrastrando unhas cifras tan preocupantes”. Neste sentido, alertou dun retroceso no obxectivo estratéxico da desestacionalización, indicando que “non só non se está avanzando na desestacionalización, senón que se está retrocedendo”.

O voceiro socialista explicou tamén que o sector xa trasladou a súa preocupación pola situación actual nunha xuntanza mantida cos socialistas, polo que reclamou unha maior implicación do Goberno de Sanmartín lembrando que desde o sector hoteleiro e hostaleiro lles transmiten a “fonda preocupación que teñen por estes datos”.

Taxa turística: sen planificación nin diálogo co sector

Os socialistas criticaron a falta de avances na definición do destino da taxa turística e anunciaron que levarán esta cuestión ao próximo Pleno municipal para esixir explicacións ao Goberno de Sanmartín, nun momento clave para o sector, xa que, segundo indican, é imprescindible que o executivo local “diga se ten pensado en que se vai empregar o diñeiro da taxa turística”.
Neste sentido, cuestionan tamén a falta de órganos de participación e decisión, advertindo que “se se vai constituír en breve prazo a comisión encargada de ditaminar o uso deses recursos”, así como a falta de diálogo co sector, ao considerar necesario saber “se o goberno municipal está dialogando co sector”.

Plan de Sustentabilidade Turística: execución lenta e sen impulso político

Guinarte vinculou tamén a situación actual coa falta de avance no Plan de Sustentabilidade Turística impulsado no mandato anterior, lembrando que “este goberno non conseguiu darlle un empurrón definitivo a este Plan de Sustentabilidade Turística”.
Como exemplo, puxo o atraso en actuacións clave que seguen sen materializarse, como a sinaléctica intelixente ou o proxecto de iluminación do entorno da catedral, e advertiu das carencias en actuacións estratéxicas para mellorar a experiencia turística e favorecer a permanencia dos visitantes na cidade, sinalando que “a iluminación ornamental dos monumentos que configuran estas prazas é claramente deficitaria ou insuficiente”.

Por todo iso, urxiu ao Goberno municipal a actuar con máis decisión para reverter esta situación e executar os proxectos pendentes, reclamando que “se poña as pilas” e advertindo das consecuencias económicas de non actuar ante esta tendencia negativa, lembrando que “o descenso do turismo en tempada baixa significa descenso de emprego e descenso de actividade económica”.

Deja un comentario