Tuesday 28 de April de 2026

O Concello de Ribeira solicitará ao Fondo de Cooperación máis de 700.000 euros para a musealización do edificio anexo a Cerqueira


 Tamén se aprobaron as subvencións nominativas a 23 accións por un importe superior aos 240.000 euros

 Achegaranse 600.000 euros para comezar coa PAI-EDIL

A Corporación municipal de Ribeira celebrou na tarde do luns 27 o Pleno ordinario correspondente ao mes de abril de 2026 no que se aprobou por 20 votos a favor (PP, PBBI, BNG, PSdeG-PSOE e 1 non adscrito) e 1 abstención (1 non adscrito) a solicitude ao Fondo de Cooperación para o apoio ao financiamento para a musealización da edificación anexa á nave de Cerqueira por importe total de 719.950 euros segundo a valoración extraída da redacción do proxecto; un préstamo sen intereses a devolver en oito anualidades. Isto permite, segundo explicou a alcaldesa, María Sampedro, non ter que pedir un crédito bancario e aforrar arredor de 123.000 euros en xuros.
“É unha oportunidade que non podemos deixar pasar”, declarou para engadir que, a maiores, solicitouse á Deputación da Coruña unha subvención para facer actuacións de protección no patrimonio público valorada en 200.000 euros. “Para progresar, hai que buscar financiación”, sentenciou.
O goberno municipal tamén levou a proposta de subvencións nominativas por unha contía de 242.000 euros a distribuír entre 23 accións:
– Convenio coa Asociación Ambar: 3.400 euros
– Convenio coa Asociación Amicos: 3.400 euros
– Convenio con A Creba: 3.400 euros
– Convenio con Faiben: 3.400 euros
– Convenio con Renacer: 3.400 euros
– Convenio con Cáritas: 3.400 euros
– Convenio con Cruz Vermella: 3.400 euros
– Convenio coa Asociación Española Contra o Cancro: 3.400 euros
– Convenio con Ágape: 3.400 euros
– Convenio co Liceo Marítimo de Ribeira: 2.500 euros
– Convenio con ICE Renovación: 3.400 euros
– Convenio coa USC para o programa de Universidade para maiores: 20.000 euros
– Contribución ao sostemento do Museo Etnográfico de Artes co Centro Recreativo e Cultural: 15.000 euros
– Subvención para a Festa da Dorna a favor da Asociación Cultural Real e Ilustre Cofradía da Dorna: 80.000 euros
– Subvención para a Festa do Percebe da Confraría de Pescadores de Carreira-Aguiño: 15.000 euros
– Convenio co Club Náutico Riveira para o fomento da vela: 3.500 euros
– Convenio coa Asociación Lajareu por Barlovento para o fomento da vela tradicional: 2.000 euros
– Subvención para a Festa da Navalla da Asociación Cultural O Serriño os Mellores de Aguiño: 4.000 euros
– Convenio coa Asociación de Empresarios de Ribeira para a campaña do comercio de Nadal 2025-2026: 5.000 euros
– Contribución á Feira Gastromar da Asociación de Empresarios de Ribeira: 20.000 euros
– Contribución a campañas de apoio ao comercio no 2026 a favor da Asociación de Empresarios de Ribeira: 20.000 euros
– Contribución á concentración moteira da Asociación Motoclub Os Reventapistóns: 5.500 euros
– Cofinanciamento do Museo Artes Gravado: 15.500 euros
“Somos un Concello que sempre se caracterizou por estar a carón das súas asociacións”, reiterou a mandataria local unha vez feita a exposición das distintas achegas.

Saíu adiante por unanimidade a aportación de 1.329.996,28 euros do remanente de tesourería para a financiación da prestación do contrato do alumeado (537.101,87 euros), a metade da subvención nominativa á Dorna (40.000 euros), a amortización anticipada do préstamo de inversións do 2024 (152.894,41 euros) e a PAI-EDIL Ribeira Atlántica 2030 (600.000 euros). Segundo manifestou a alcaldesa, “estase facendo o gasto con sentido, con sensatez e con cabeza.”

Ademais, a Aula de Música de Aguiño pasará a denominarse por unanimidade ‘Camilo Rumbao’, a petición da Asociación Musical Sons do Mar, por consideralo un precursor da educación musical no municipio.

Debatéronse conxuntamente, así mesmo, os puntos sobre a modificación da Relación de Postos de Traballo para a adaptación do nivel mínimo A1/A2 ao Real Decreto-Lei 6/2023 e supresión dos postos da Unidade de Condutas Aditivas ao ser asumida xa polo Sergas, así como o axuste do anexo de persoal do orzamento de 2025, prorrogado a 2026. Esta medida afecta a un total de 25 traballadores municipais e tivo luz verde co respaldo unánime da Corporación.

Outro dos asuntos que se puxo sobre a mesa e que foi aprobado por unanimidade foi a rectificación do inventario de bens municipal coas altas e baixas correspondentes ao 2024 e 2025. Entre as altas figuran 23 fincas, entre elas, dúas do novo polígono industrial que estaban situadas no concello veciño da Pobra do Caramiñal; o novo Auditorio municipal ou os terreos que se empregan como aparcamentos disuasorios en Corrubedo. No que respecta a baixas, atópanse 14 rochos e 12 prazas de garaxe que foron a poxa pública, as plataformas da cabalgata dos Reis Magos ou a parcela da antiga comisaría policial.

Tamén se lle deu luz verde por unanimidade ao inicio do expediente de titularidade pública duns terreos situados en Salmón, na parroquia de Oleiros; onde o Concello de Ribeira está acometendo o saneamento.

Por parte do PSdeG-PSOE, abordouse a proposición para a adquisición da parcela do coñecido Cine Millán, en Palmeira, e redacción do proxecto de rehabilitación do espazo. Dada a situación da titularidade desta finca, o executivo local presentou unha emenda de substitución na que se acorda que o Concello de Ribeira inicie as negociacións coa familia para a busca dun interlocutor que poida levar a cabo as xestións pertinentes cara a facerse coa propiedade, tendo en conta as circunstancias económicas e financeiras da Administración local. Aprobouse a emenda con 13 votos a favor (PP e PBBI) e 8 en contra (BNG, PSdeG-PSOE e non adscritos).

Sobre a necesidade de realizar melloras nos portos versou a proposta realizada polo BNG, sobre a que o goberno municipal presentou tamén unha emenda de substitución encamiñada a seguir traballando en promover unha maior seguridade nos peiraos, instar a Portos de Galicia a continuar cos mantementos e co impulso do porto como unha zona de traballo para as/os redeiras/os, artes de pesca, de arrastre e cero, nomeadamente. Saíu adiante con 13 votos a favor (PP e PBBI) e 8 en contra (BNG, PSdeG-PSOE e non adscritos).

O resto de puntos da orde do día non se puideron abordar ao concluír a xornada na que estaba convocada a sesión plenaria.

Deja un comentario