Tuesday 28 de April de 2026

A Coruña acolle a Lucas Slalom Cup 2026, unha cita internacional que rende homenaxe ao patinador Lucas Seijo


O porto converterase do 30 de abril ao 3 de maio nun referente internacional do inline freestyle, cunha competición de alto nivel

A Coruña será escenario, entre o 30 de abril e o 3 de maio de 2026, da Lucas Slalom Cup, unha competición internacional de patinaxe en liña que reunirá no porto —nos peiraos de Calvo Sotelo e Batería— a deportistas procedentes de distintos países.

A cita forma parte da Lucas Roller Week, unha semana dedicada ao patinaxe freestyle que combina probas oficiais con actividades abertas, consolidándose como un evento que vai máis alá da competición deportiva para favorecer a convivencia arredor desta disciplina.

Durante os catro días de competición desenvolveranse diferentes modalidades como speed slalom, battle, classic, saltos e derrapes, nun evento recoñecido a nivel internacional cunha categoría 2 estrelas por World Skate. Esta consideración sitúa a proba no calendario internacional e contribúe a posicionar A Coruña como un destino de referencia para o patinaxe freestyle.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou que “a celebración desta cita internacional supón unha oportunidade para seguir abrindo a cidade a novas disciplinas deportivas e para achegar á cidadanía propostas innovadoras nun espazo singular como o porto”. Neste sentido, subliñou tamén “o valor de iniciativas que combinan deporte e convivencia, contribuíndo á dinamización da cidade”.

A Lucas Slalom Cup nace como homenaxe a Lucas Seijo Fernández, mozo patinador galego falecido en 2024, e mantén vivo o seu recordo a través dun evento que promove valores como o compañeirismo e a superación.

A celebración desta competición no porto enmárcase, ademais, na liña de apertura progresiva da fachada marítima á cidadanía, impulsada nos últimos anos polo Goberno de Inés Rey, favorecendo o uso destes espazos para a organización de eventos deportivos e culturais .

Deja un comentario