· A actuación responde a unha demanda veciñal para evitar as acumulacións de auga que afectan a varias vivendas en episodios de choivas intensas.
· O proxecto conta cun orzamento de 22.381,78 euros e inclúe a creación dun novo colector e a reposición do firme.
O Concello de Bergondo puxo en marcha as obras de mellora da rede de pluviais na Brea, na parroquia de Guísamo. O obxectivo prioritario desta intervención é dar unha solución definitiva a un problema crónico de inundacións que viñan padecendo diversas vivendas da zona debido á gran acumulación de auga que se produce nos días de precipitacións abundantes.
A obra, que conta cun investimento de 22.381,78 euros, permitirá atender as reclamacións veciñais e resolver os problemas detectados neste punto concreto. Tecnicamente, a solución consiste na execución dun novo colector de pluviais deseñado para captar de forma eficiente a escorrentía superficial. Para iso, distribuiranse estratexicamente unha serie de sumidoiros de xeito que a auga non se acumule no punto máis baixo da rúa, evitando así a entrada de auga nas edificacións.
Alén de resolver o problema das inundacións directas, a nova infraestrutura funcionará como reguladora da rede de augas residuais. Con isto, o Concello pretende evitar os desbordamentos que, ata a data, afectaban tanto á N-VIN como ás edificacións limítrofes.
Finalmente, o proxecto contempla tamén a reposición completa do firme en todas as zonas que resulten afectadas pola apertura de gabias para a instalación das tubaxes.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.