O equipo formado por alumnado de 2º da ESO do CPI San Sadurniño participa estes días no Circuíto Madrid-Jarama RACE na fase rexional da Stem Racing Spain, un desafío educativo de enxeñaría no que estudantes de todo o país deseñan, fabrican e poñen a proba prototipos de Fórmula 1 a escala propulsados por gas comprimido. O Concello de San Sadurniño colabora como patrocinador desta escudaría local, que compite baixo o nome de Morriña Dynamics. A Stem Racing —antes coñecida internacionalmente como F1 in Schools— é unha das competicións escolares máis innovadoras do ámbito científico-tecnolóxico, xa que lle propón ao alumnado un reto real no que se combinan coñecementos de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas co traballo en equipo, a creatividade e a capacidade organizativa.
O grupo do CPI San Sadurniño, integrado por estudantes de 2º da ESO, tivo que crear un prototipo de coche de Fórmula 1 a pequena escala impulsado mediante botellas de gas a presión que se libera de golpe facendo que o vehículo alcance unha velocidade de vertixe en fraccións de segundo. Porén, a construción do vehículo e a carreira en si son tan só unha parte do desafío, xa que cada equipo tamén debe funcionar como unha auténtica escudaría automobilística profesional.
Neste sentido, as mozas e mozos presentan tamén un currículum empresarial no que explican cuestións como a procura de patrocinios, a organización interna do equipo, a identidade de marca, a comunicación externa ou os criterios de sustentabilidade aplicados ao proxecto. Ademais, o traballo complétase con materiais audiovisuais e soportes dixitais, como modelos 3D interactivos, vídeos de presentación, etc., xunto cunha presentación ao vivo na que deberán compartir a súa experiencia no proxecto.
Durante a competición, un xurado especializado encárgase de avaliar distintos aspectos e de facer unha verificación técnica na que se comproba que o vehículo cumpre toda a normativa establecida en canto a peso, medidas, materiais e seguridade. Por outra banda, os coches enfróntanse nunha pista de probas en carreiras de aceleración nas que se mide o seu rendemento, de maneira moi similar a unha carreira de dragsters en pequeno.
Segundo explicou a concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, o Concello de San Sadurniño participa como patrocinador do equipo, “apoiando unha iniciativa que fomenta vocacións científicas e tecnolóxicas entre a mocidade e que conecta a educación cos retos do futuro, tamén no rural”. A concelleira engade que a presenza do equipo Morriña Dynamics na competición supón “un importante recoñecemento ao esforzo desenvolvido durante meses polo alumnado e o profesorado do CPI San Sadurniño”.
Nesta fase rexional que se disputa no Circuito do Jarama decidiranse parte dos equipos que accederán á fase final, prevista tamén en Madrid do 16 ao 18 de xuño. A escudaría Morriña Dynamics loitará hoxe e mañá por meterse entre os mellores conxuntos do Estado.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.