– O proxecto prevé instalar unha megaplanta ocupando 95.000 metros cadrados de solo rústico, cunha actividade altamente contaminante.
– Malia que o biogás resultante é altamente inflamábel, e que a factoría funcionará de xeito ininterrompido, tan só prevé a presenza de persoal 6 días da semana, durante unha quenda de 7 horas.
– A megaplanta situaríase en terreos da parroquia larachesa de Soandres, lindeira co Concello de Culleredo na parroquia da Veiga.
– O retorno en termos de xeración de emprego e de riqueza na zona é practicamente nulo.
– O BNG aposta en plantas que traten residuos realmente agrarios e de proximidade, evitando grandes movementos por estrada de residuos industriais.
O BNG de Culleredo presentou unha moción urxente demandando ao Pleno Municipal o seu posicionamento fronte á macroplanta de biogás proxectada na parroquia larachesa de Soandres, nos límites coa da Veiga en Culleredo.
Unha planta de biogás ben planificada e axeitadamente dimensionada, pode representar unha oportunidade para a xestión de residuos e a produción de enerxía local. Non obstante, os proxectos de grande escala con finalidade exclusivamente comercial, planificados en chan rústico para abaratar a obtención dos terreos, presentan riscos relevantes para o medio ambiente, para a saúde das persoas e para a calidade de vida das comunidades afectadas.
O proxecto de macroplanta presentado prevé ocupar máis de 95.000 metros cadrados de solo rústico, nas proximidades do río Anllóns e do nacemento do río Valiñas. Prevé un consumo anual de 1,5 millóns de litros de auga, e a xeración de máis de 30.000 toneladas anuais de efluentes líquidos e case 20.000 de dixestato sólido sen tratamento específico.
A empresa promotora recoñece na documentación presentada que o biogás producido é rico en metano, polo tanto inflamábel, e capaz de formar atmosferas explosivas. Malia isto a factoría, que traballará 24 horas ao día, os 7 días da semana, só prevé contar con presenza física de persoal 6 días á semana, durante 7 horas efectivas, empregando un máximo de 10 persoas.
Á vista da información que a propia empresa promotora manifesta, esta macroplanta suporá un novo risco ambiental nos límites do noso concello, nas proximidades do nacemento Río Valiñas, o que traslada este risco até a recentemente saneada Ría do Burgo, con escaso retorno para a veciñanza, nen en termos de emprego nen de xeración de riqueza.
Para o voceiro do BNG en Culleredo, Tono Chouciño, “unha empresa destas dimensións é o contrario do medioambientalmente desexábel. Estas megafactorías só buscan o beneficio económico dos seus promotores, con grandes movementos de desperdicios industriais por estrada e graves afeccións ambientais, paisaxísticas, hídricas e sociais. Precisamos plantas dimensionadas con o medio, que transformen residuos realmente agrarios e de proximidade”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.