Tuesday 28 de April de 2026

O Aquarium Finisterrae recibe a Jinzi, a nova foca do recinto


O exemplar, que tan só ten 5 anos e foi cedido polo Oceanogràfic de Valencia, abre a posibilidade de que o grupo poida volver criar

O Aquarium Finisterrae ten un novo hóspede. A chegada da foca Jinzi permitiu rexuvenecer o grupo que habita no recinto e abre a posibilidade de que poidan volver criar. Chega como resultado dun intercambio co Oceanogràfic de Valencia, onde agora viven dúas das focas macho do Aquarium Finisterrae: Fermín (de 17 anos) e Altair (de 23 anos). Jinzi é un macho novo —cumprirá 5 anos en xullo— e xa pesa 80 kg.

Desde a súa chegada mostrouse curioso coa súa nova contorna e moi sociable cos seus compañeiros. Fermín e Altair tamén se integraron con normalidade no grupo do Oceanogràfic.

Neste momento, o grupo de focas que alberga o acuario coruñés consta de 2 machos e 8 femias. Trátase de exemplares da especie Phoca vitulina ou foca común, que aínda que non crían aquí poden verse con certa frecuencia nas costas de Galicia. O último nacemento rexistrado no acuario coruñés (Sabela) tivo lugar en xullo de 2009 e a idade media do grupo é bastante elevada para esta especie. De feito, Hansi xa cumpriu 28 anos, cando a idade máxima dos machos destes animais está nos 25 anos.

O estudo xenético das focas da Coruña indica que, ata o de agora, todos os exemplares tiñan unha relación de parentesco próxima, o que desaconsellaba a reprodución debido ao elevado grao de endogamia. A chegada de Jinzi permite renovar a xenética do grupo, abrindo a posibilidade de que volvan criar nas instalacións do Aquarium Finisterrae.

Deja un comentario