Tuesday 28 de April de 2026

Carballo recibe aos oito mellores equipos de Galicia e Asturias para disputar o Sector Alevín Norte Astur-Galaico de hóckey a patíns


 

A Federación Galega de Patinaxe e a Escola Lubiáns presentaron hoxe o Sector Alevín Norte Astur-Galaico de hockey sobre patíns, un evento deportivo de alto nivel que reunirá no noso concello os catro mellores equipos tanto de Asturias coma de Galicia, entre eles o anfitrión Energimac Escola Lubiáns, que se clasificou na final a catro disputada tamén en Carballo. Os organizadores estiveron acompañados polo alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro.

O presidente de Escola Lubiáns, David García, destacou o orgullo que supón para o club organizar un evento desta magnitude en Carballo e presentou aos equipos participantes: os galegos Hockey Club Liceo A, Dominicos A, Compañía de María Azul e Energimac Escola Lubiáns, e os asturianos Oviedo Roller HC, Centro Asturiano, CP Mieres Dorado e AD Patinalón. “É unha liguiña moi intensa, que comeza xa o venres pola mañá e remata coas finais o domingo pola mañá”, explicou.

Jorge Varela Jaspe, directivo da Federación Galega, puxo en valor o excelente momento que vive este deporte. Salientou que o nivel do hóckey galego é un referente nacional e que este tipo de sectores son fundamentais para o desenvolvemento dos mozos deportistas.
Pola súa banda, a presidenta, María Jesús Vázquez, agradeceu “de corazón” a colaboración tanto de Escola Lubiáns, por ofrecerse a organizar a fase, coma ao Concello de Carballo, por todas as facilidades, incluída a cesión dunha pista “que neste momento é a mellor de Galicia”. A presidenta da Federación subliñou o crecemento global da federación: “Estamos medrando moito en todas as disciplinas, como o hóckey liña ou o artístico, e este ano como novidade incorporamos tamén os sectores femininos”.

O concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, agradeceu á Escola Lubiáns o seu traballo constante e a súa capacidade para atraer competicións de prestixio ao municipio. “Contamos cunhas instalacións preparadas para albergar eventos que non só son importantes no deportivo, senón que tamén teñen un impacto directo na hostalería e o comercio local pola cantidade de xente que nos visita. Xa comprobamos na final a catro a cantidade de público que é capaz de mobilizar o hóckey”, afirmou.

Para pechar a presentación, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, felicitou ao club pola súa traxectoria e desexou sorte a todos os participantes, especialmente ao equipo local “polo excelente traballo que estades a facer desde a base”. O rexedor destacou que Carballo segue a consolidarse como un referente na organización de eventos deportivos de base, que fomentan os hábitos saudables e promocionan o nome do concello fóra das nosas fronteiras.

Formato da competición

O torneo dividirase en dous grupos de catro equipos cada un. Tras unha fase de grupos que se disputará entre o venres (a partir das 09.30 horas) e o sábado pola mañá, os dous primeiros de cada grupo cruzaranse nas semifinais o sábado pola tarde, que será o momento máis intenso da competición e para o que se agarda a maior afluencia de público. Os dous equipos que logren chegar á gran final do domingo obterán o seu pasaporte directo para o Campionato de España, que se celebrará en Madrid.

Deja un comentario