A Asociación da Terceira Idade de Ponte Carreira celebrou esta fin de semana o seu tradicional xantar anual, consistente nun cocido que tivo lugar no restaurante Raxería Alba (Ponte Carreira). O alcalde en funcións, Manuel Ferreiro Marzoa, agradeceu o convite a participar no evento, realizado polo presidente da entidade, Vicente Miranda Castro, e María Filomena Lamas Vázquez, da xunta directiva. Así mesmo, lembrou que “os Servizos Sociais son o sinal de identidade deste concello e seguimos apostando claramente por dar servizos de calidade aos nosos maiores na súa contorna máis próxima para mellorar a súa calidade de vida e así tamén fixar poboación no rural”.
Precisamente, o Concello de Frades vén de enviar os convites para a XXVII Festa dos nosos Maiores, que terá lugar o sábado 30 de maio, a partir das 12:30 horas, no Campo de San Nicolao. Un xantar gratuíto ofrecido polo Concello de Frades que contará coas actuacións musicais do Dúo Eva e Camilo e varios grupos folclóricos do municipio. Á tarde haberá xogos populares e a tradicional homenaxe aos maiores de 90 anos presentes na festa. Aqueles veciños e veciñas que precisen de servizo de transporte para asistiren á XXXVII Festa dos Nosos Maiores, deberán comunicalo no Concello no momento da anotación.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.