Monday 27 de April de 2026

O PSdeG advirte de que declarar Santiago zona tensionada sen medidas inmediatas é “insuficiente” para garantir vivenda accesible


O voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, alerta de que a declaración chega sen actuacións inmediatas para frear a subida dos alugueiros e acusa ás administracións de falta de planificación e concreción.

Os socialistas reclaman mobilizar a vivenda baleira como vía máis rápida para aumentar a oferta e garantir prezos accesibles nun contexto de emerxencia habitacional en Santiago.

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, advertiu de que a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado é un paso necesario pero insuficiente se non vai acompañada de actuacións concretas que permitan garantir o acceso á vivenda.
Guinarte sinalou que a medida “recoñece unha realidade evidente”, cun “problema grave de acceso á vivenda, especialmente no alugueiro”, nun contexto marcado por un “incremento dos prezos moi por riba da inflación nos últimos anos”, pero insistiu en que este diagnóstico debe traducirse en solucións reais.

Neste sentido, advertiu de que “a declaración por si soa non xera vivenda a prezo accesible de xeito automático” e reclamou que se acompañe de “medidas correctoras eficaces, con calendario, financiamento e corresponsabilidade entre a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago”, cuestionando a falta de concreción das dúas institucións.

O voceiro socialista puxo o foco na ausencia de actuacións a curto prazo, asegurando que as e os socialistas botan “en falta estratexias a curto prazo como é a mobilización da vivenda baleira”, especialmente nunha cidade que conta con “máis de 6.000 vivendas baleiras e máis de 13.000 vivendas infrautilizadas”, unha realidade que evidencia a marxe de actuación inmediata.
Así, criticou o cambio de enfoque do Goberno da señora Sanmartín, lembrando que “na primeira solicitude de zona tensionada recollíase unha proposta de colaboración entre o Concello de Santiago e o IGVS” para incorporar estas vivendas ao mercado, mentres que agora “o documento actual limítase a formular un estudo municipal”, algo que cualificou de insuficiente ao tratarse “dun estudo que xa debería estar feito”.

Para Guinarte, esta falta de decisión evidencia a ausencia de planificación nun ámbito clave, advertindo de que “construír nova vivenda pública é imprescindible, pero leva anos”, mentres que “mobilizar vivenda baleira pode permitir ampliar antes a oferta de alugueiro accesible”, polo que instou ao Goberno local a aclarar “en que se concreta o plan de medidas correctoras”.

Deja un comentario