O Concello de Neda organiza esta semana o III Festival Día da Nai. A celebración volve este xoves, 30 de abril, tras a boa acollida das anteriores edicións, co obxectivo de render tributo ás madres máis lonxevas do municipio. Un acto emotivo no que non faltará a música.
Durante o evento, que terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura, a partir das 19:00 horas, a administración local distinguirá ás catro veciñas, nacidas nos anos 1933 e 1934, que aceptaron o convite municipal. Así, sumaranse á celebración, acompañadas polas súas familias, Consuelo Rodríguez Sardiña, Montserrat Seco Castro, Rosa Allegue Porto, María Fojo Torres.
Na cita haberá tempo para a lembranza de vivencias e tamén, como non, para o recoñecemento da experiencia e sabedoría destas veciñas, que teñen contribuído á construción do que hoxe é Neda.
O tributo musical a estas mulleres chegará da man da rondalla Lucero del Alba, e máis do grupo valdoviñés Los Nostálgicos. O “III Festival Día da Nai” estará conducido por Cristina Martínez Seijo, a nova presidenta da Asociación de Amas de casa de Neda.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.