Saturday 16 de November de 2024

O Director Xeral de Educación subliña o papel dos docentes como orixe e impulso da innovación educativa


 Manuel Corredoira representou hoxe á Consellería na inauguración dos IV Encontros de Educación Infantil e Educación Primaria

O director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira, representou á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na apertura dos IV Encontros de Educación Infantil e Educación Primaria organizados polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), no marco do plan anual de formación do profesorado da Consellería; un acto no que subliñou a importancia do profesorado en calquera iniciativa innovadora. “No actual modelo de escola o papel docente é fundamental por iso consideramos de máxima importancia o desenvolvemento de Encontros entre profesionais do ensino como os que hoxe nos reúne, pois estamos convencidos de que son as vosas achegas as que impulsan o avance e a mellora do sistema educativo”. Así mesmo, animou aos presentes a participar na convocatoria de Plans de formación permanente do profesorado impulsados pola Consellería, incidindo en que os propios centros educativos son os mellores escenarios para a formación, “xa que ninguén mellor que o docente pode posibilitar que os contidos de aprendizaxe se adapten ás necesidades da contorna e favorezan unha maior implicación e participación da comunidade educativa”.

A xornada, que se celebra no Auditorio de Abanca de Santiago de Compostela, teñen como obxectivo intercambiar experiencias, incentivar as boas prácticas e motivar aos docentes destas etapas do ensino. Coa participación de arredor de 500 mestras e mestres, nestes encontros proxéctanse diferentes temáticas que posteriormente serán postas en marcha nos centros educativos, convertendo de novo os encontros nunha actividade xeradora de inquietudes na formación do profesorado que repercutirá na mellora da calidade educativa e dos resultados do alumnado.

Os IV Encontros de Educación Infantil e Educación Primaria organízanse en dúas quendas de mañá e de tarde. Pola mañá impártense dúas conferencias, a primeira a cargo do docente e pedagogo Juan José Vergara. Especialista en Aprendizaxe basado en Proxectos, centrarase na importancia da motivación nos procesos de ensino e aprendizaxe. No caso do segundo relatorio, a psicóloga e investigadora Mar Sánchez abordará a estimulación mental na aula.

A quenda da tarde comezará cunha experiencia de centro – que foi Mención de Honra no Premio Acción Magistral (2013)- da man da directora do Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres de Tui (Pontevedra) que, baixo o título ‘Tecendo Redes competenciais coas familias’ tratará a importancia das relacións familia e escola e como abordar as mesmas. De seguido será a quenda dunha experiencia de centro de Traballo por Proxectos, a cargo de Alicia Nimo Liboreiro, mestra de primaria no CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña-Santa Comba (A Coruña). Clausurará os encontros Quico Cadaval, actor, director e adaptador teatral.

Educación e alumnado xordo en Galicia
O director xeral participou esta mañá, ademais, na apertura da xornada ‘Educación e alumnado xordo en Galicia’, na que participan arredor de 200 persoas, entre docentes e intérpretes de lingua de signos, e que están organizadas en colaboración pola Consellería e pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.

O obxectivo deste encontro é afondar na situación actual do alumnado xordo e con discapacidade auditiva, compartir experiencias e boas prácticas que se están a levar a cabo en diversos centros educativos, a nivel autonómico e estatal, e coñecer a figura do especialista en lingua de signos e do intérprete de lingua de signos. Así mesmo, abordarase a educación plurilingüe en lingua de signos.

Estalmat-Galicia
Xunto coa secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, Manuel Corredoira asistiu tamén esta mañá á Sesión de Clausura do curso 2015-16 e despedida da promoción de 2014 do Proxecto para o estímulo do talento matemático ‘Estalmat-Galicia’, un acto no que tamén participou o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño.

Susana López Abella manifestou a súa satisfacción pola ampla porcentaxe de rapazas que participaron no proxecto. López Abella lembrou o difícil papel das mulleres matemáticas ao longo da historia, a través de personaxes como Hipatia de Alexandría, Sophie Germain ou a Marquesa de Chatelet, que tiveron que enfrontarse a un mundo dominado polos homes, chegando incluso a ter que disfrazarse para poder asistir á universidade.

A titular da Igualdade explicou que aínda que as mulleres seguen ser estar suficientemente presentes na investigación matemática nos últimos anos houbo grandes avances, como o feito de que en 2014, por primeira vez na historia, unha muller recibise a Medalla Fields, considerada o nobel das matemáticas. Un fito que “rompeu con décadas de tabús”, como tamén fixo Mª Josefa Wonenburger, pioneira das matemáticas galegas, que da nome ao premio co que a Xunta resalta as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos das ciencias e a tecnoloxía.

O obxectivo de Estalmat é detectar e estimular o talento precoz en matemáticas, que adoita corresponderse con capacidades científicas en xeral . A colaboración con este proxecto enmárcase na estratexia que desenvolve a Xunta de Galicia para promover as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñerías e Matemáticas), favorecendo a adquisición das competencias clave nestas materias. Neste sentido cómpre lembrar que, ao abeiro da nova normativa educativa a materia de matemáticas viu incrementado o seu horario en primaria e secundaria e incorporáronse ao currículo novas materias de libre configuración autonómica, como programación, robótica e investigación e tratamento da información, Todo isto nun sistema educativo que leva anos desenvolvendo unha estratexia integradora das TIC no ensino mediante o proxecto Abalar, coa súa extensión no programa Edixgal.