Os traballos buscan reverdecer un punto que pola súa situación require dunha vexetación especialmente resistente á falta de auga
O Concello está a rexenerar a zona verde ubicada sobre o túnel dos Castros, un espazo situado entre o Miradoiro e a avenida de Oza que, polas súas carecterísticas e ubicación, require dun tratamento especial. A zona, moi exposta ao vento e condicionada pola escasez de terra por ubicarse sobre o túnel, será completamente reformada. O proxecto levará ao lugar unha revexetación e cambiará as especies actualmente existentes —que presentaban problemas pola imposibilidade de habilitar un sistema de rega neste punto—e serán substituídas por outras de máis fácil adaptación e máis resistentes á falta de auga, destancando entre os novos exemplares distintas variedades de aloe.
O investimento neste novo xardín supera os 18.000 € e as especies que chegarán ao emprazamento serán as seguintes:
– 3 Agave attenuata
– 3 Aloe safari
– 3 Aloe perfoliata
– 3 Aloe x spinosissima
– 3 Hesperaloe parviflora
– 5 Aeonium arboreum
– 3 Mangave “Silver Fox”
– 3 Aloe aristata
Dado os condicionantes da zona, optouse pola creación dun xardín xerófilo —con especies adaptadas ás condicións de escaseza de auga en determinadas épocas do ano— sen que iso represente unha diminución na súa función ornamental.
“Desde o Goberno de Inés Rey seguimos adiante coa misión de mellorar os espazos verdes de todos os recunchos da cidade, grandes e pequenos. E iso non se consegue só coa repoboación; tamén hai que estudar detidamente que especies se adaptan mellor a cada espazo”, subliñou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, quen recordou que precisamente o Concello xa remodelara e mellorara o limítrofe xardín do Miradoiro dos Castros no pasado mandato.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.