Friday 22 de November de 2024

A Deputación da Coruña concede preto de 69.000 euros á última fase constructiva da residencia para persoas con discapacidade de Ortigueira


 

Esta partida súmase as achegas anteriores por valor de 300.000 € que permitiron a construción da estrutura e do primeiro andar da residencia

 

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou a sede de Aspromor (Asociación Prominusválidos do Ortegal) en Ortigueira para asinar co presidente da asociación, Fernando Nieto Cortijo, un último convenio para rematar a residencia para persoas con discapacidade.

 

A través deste acordo a institución provincial facilitará 68.847,48 euros para financiar o 30,55% do orzamento total para a construción da área reservada a persoas con deficiencias intelectuais moi graves. Se inclúen aquí traballos de albanelería, pavimentos, carpintería interior, fontanería e electricidade, entre outros. Está previsto que dispoña de cinco habitacións dobres e diversas estancias comúns.

 

Esta achega súmase aos 300.000 euros que xa entregou a Deputación para as fases anteriores do proxecto e que permitiron erixir tanto a estrutura do edifico como o primeiro andar.

 

Visita ás instalacións

Nesta visita, Diego Calvo tivo a oportunidade de coñecer de primeira man tanto o avance das obras que están actualmente en marcha, como da unidade de día que está en funcionamento. Alí os usuarios desenvolven obradoiros como o de reciclado de plásticos ou de algodón de fregonas que lles permite estar activos.

 

En canto ás obras, Aspromor calcula que todos os traballos estarán rematados no primeiro trimestre de 2015 e dedicará ese ano a adecuar e equipar a residencia para que estea funcionando na súa totalidade no 2016.

 

Tras comprobar os resultados, Diego Calvo recoñeceu a Aspromor o gran labor que realizan e destacou o feito de que apostasen por un proxecto viable. “É un exemplo de cómo hai que traballar, paso a paso e con sentidiño”, declarou o presidente da Deputación en referencia a que a obra se fixo por fases e asegurando a viabilidade futura das instalacións, segundo o número de usuarios que ían ter: “Porque sacades proxectos viables en tempos de crise”, insistiu o portavoz.

 

O titular provincial ademais, se comprometeu a seguir colaborando con esta asociación para o seu bo funcionamento no futuro. En total o organismo provincial fíxose cargo do 20% de todo o proxecto, feito polo que o presidente da asociación mostrouse moi agradecido coa Deputación.

 

Por último e grazas aos talleres de reciclaxe que desenvolve Aspromor, Calvo invitounos a participar no I Encontro Empresas e Concellos que terá lugar en Expocoruña os días 26,27 e 28 de novembro.

 

Centro único na zona

Este novo centro, único destas características na comarca de Ortegal, dará servizo a unhas 48 persoas non só de Ortigueira senón de outros concellos como Cariño, Mañón ou Cerdido, e incluso das Pontes.

 

Unha vez rematadas, as instalacións disporán de centro de día e centro residencial para dous tipos de afectados: persoas con discapacidade intelectual adulta e persoas con discapacidade gravemente afectadas (PDIGA) e que polo tanto teñen necesidades de apoio extensas e xeneralizadas en situación de dependencia.