O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor empraza aos representantes das Deputacións a unha nova reunión o vindeiro 3 de maio
O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor volveu convocar a unha nova xuntanza aos representantes das catro Deputacións provinciais para concretar o modelo de xestión dos Consorcios Provinciais de Bombeiros da nosa comunidade.
Segundo destacou o director xeral, unha vez transcorrido tempo bastante, e para rematar canto antes con este proceso, considera necesario convocar a todos de novo para poñer en común o informe xurídico, sobre a posibilidade de integración como persoal dos consorcios provinciais de todo o persoal das actuais empresas prestatarias do servizo, así como o proceso que permitiría este cambio de modelo.
O pasado 31 de marzo, na xuntanza celebrada na dirección xeral de Emerxencias e Interior na que participaron representantes das Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, e tamén técnicos da Xunta de Galicia, se tomou o acordo de que as tres deputacións citadas elaborarían un informe xurídico, sobre a viabilidade do cambio de modelo de xestión dos consorcios provinciais de bombeiros, especialmente no que atinxe ao proceso de integración como persoal dos consorcios provinciais de todo o persoal das empresas que actualmente prestan este servizo en réxime de xestión indirecta.
Este interese do cambio de modelo de xestión fora formulado polas presidencias das tres Deputacións citadas, nas dúas xuntanzas que mantiveron coa reunión co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda , a primeira delas o día 12 de xaneiro, na que xa entón se acordara o prazo dun mes para a elaboración de sendos informes, tanto económico coma xurídico, que abordasen a viabilidade do cambio de modelo proposto na xuntanza na que se acordou asemesmo non dilatar o proceso no tempo de xeito inxustificado.
Abertos ao cambio pero con garantías
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse o 12 de xaneiro e o 2 de marzo cos representantes das catro deputacións provinciais para analizar a posibilidade dun cambio de modelo na xestión dos consorcios provinciais de bombeiros.
En ambos encontros a Xunta insistiu en que estaba aberta a un cambio do modelo sempre que que se manteña o mesmo nivel de eficiencia na prestación do servizo á cidadanía e se cumpran dúas condicións: que non supoña un maior custe e que se garantan os empregos dos traballadores que prestan o servizo a día de hoxe.
Non obstante, a Xunta lembra que o actual modelo vén funcionando dende fai máis de 15 anos con eficacia e co consenso dos diferentes partidos que, polas súas responsabilidades nas deputacións, na Xunta ou nos concellos, formaron parte dos plenos dos catro consorcios provinciais.