— O director xeral de Cultura pon en valor estas citas que se impulsan en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia
— Esta primeira cita reunirá ata o domingo 27 na praza da Constitución a máis de 25 escritores con actividades como obradoiros, teatro, mesas redondas, contacontos e sinaturas
— O representante do Goberno galego celebra “o bo momento que está vivindo a nosa comunidade que se segue configurando como cada vez máis lectora”
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a Feira do Libro de Ferrol, a primeira das citas do circuíto que a Xunta de Galicia impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia e que percorrerá 13 cidades e vilas ata finais do mes de agosto.
“É innnegable o bo momento que está a vivir a cultura galega coa consolidación dunha Galicia cada vez máis lectora”, destacou Anxo M. Lorenzo, antes de precisar que un 96,5% de persoas le de xeito frecuente, o que supón case dous puntos máis que a media estatal. Nesta liña, o director xeral de Cultura, resaltou o número de persoas “que le ocasionalmente ou habitualmente na nosa lingua medrou en case nove puntos ata acadar o 72%”.
Por outra banda, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou o papel das feiras do libro “como escaparates dos nosos profesionais e unha oportunidade única para abrir a porta, tal e como indica o lema deste ano, a universos infinitos”. Aproveitou así para facer un chamamento á cidadanía a achegarse estes días á praza da Constitución, participar nas actividades e descubrir a oferta que traen os libreiros.
A Feira do Libro de Ferrol estará aberta en horario de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 horas, excepto o domingo que pechará ás 20,00 horas, cunha programación que se iniciou hoxe coa lectura do pregón a cargo da docente e escritora, Cristina Otero. Entre as propostas inclúense obradoiros, presentacións, sesións de teatro infantís, mesas redondas, un contacontos musical e sinaturas de libros nas que participarán máis de 25 escritores e escritoras.
13 vilas e cidades de abril ata agosto
Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras esta cidade, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 2 ao 10 de maio; Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 14 ao 17 de maio; Redondela, do 11 ao 14 de xuño, e Ourense, do 17 ao 20 de xuño.
Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12, e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
O apoio a esta iniciativa encádrase no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co sector do libro e o fomento do hábito lector. Así, ademais do apoio ao circuíto impulsado coa Federación da Librarías de Galicia, a Xunta inviste máis de 3 millóns de euros en convocatorias para promocionar este eido con medidas de impulso á promoción, produción e edición do libro en galego, o avance nas accións previstas no Plan de dinamización da Lectura Galega ou a consolidación do servizo móbil A Furgoteca.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.