A Consellería de Política Social colabora con Special Olympics mediante un convenio directo de 189.946 euros e o convenio anual asinado con FADEMGA que ten un financiamento de 198.571 euros
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou na inauguración dos décimo sétimos Xogos Autonómicos de Atletismo ‘Special Olympics Galicia’ aos que definiu como “un evento que afondará aínda máis na inclusión das persoas con discapacidade intelectual e axudará a normalizar e visibilizar a situación que padecen”.
Rey Varela insistiu unha vez más na inclusión que promove a Consellería de Política Social para aquelas persoas con maiores dificultades. “Non cabe dúbida de que empregaremos unha ferramenta tan potente como é o deporte para acadar a integración plena des persoas con discapacidade intelectual na sociedade”, apuntou.
Na liña de apoio que establece a Xunta de Galicia coas entidades que traballan pola inserción social das persoas con discapacidade intelectual, o conselleiro recordou que tras unha reunión cos representantes de Special Olympics mantida no pasado mes de febreiro, a asociación volve a ter un convenio individualizado e directo que beneficia aos usuarios cun investimento de 189.946 euros. Ademais, Special Olympics como entidade que forma parte da Federación de Asociacións a favor de Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (FADEMGA) benefíciase tamén do convenio da Consellería con esta federación que para 2016 alcanza os 198.571 euros.
Special Olympics é unha asociación creada no ano 2000 por acordo de 17 asociacións das diferentes provincias galegas. O seu obxectivo xeral á a inserción social do colectivo de persoas con discapacidade intelectual a través da organización de competicións deportivas e adestramento diario para acadar a integración. Dentro das actividades impulsadas desde a asociación destacan os I Xogos Interautonómicos de Atletismo Special Olympics celebrados en Santiago en 2012 ou o programa ‘Vacacións de verán’.