A alcaldesa destacou a importancia de reverdecer espazos emblemáticos da cidade, como os Cantóns
Hoxe plantáronse as catro faias vermellas previstas que, a partir de agora, adornarán a contorna do Obelisco —un punto histórico que ten por primeira vez poboación arbórea nas súas inmediacións—. A ampliación de elementos naturais nos Cantóns forma parte do proxecto de remodelación a grande escala que está a executarse, que recollía a renaturalización do espazo seguindo os criterios aplicados polo Goberno de Inés Rey en todas as obras públicas de urbanización.
A alcaldesa visitou esta mañá o espazo e lembrou a importancia de acometer as reordenacións urbanas sen perder a perspectiva da sustentabilidade e a creación de áreas verdes. “Este goberno plantou, desde o ano 2020, máis de 5.000 árbores na cidade, cun plan a grande escala que busca non soamente aumentar o número de plantacións, senón atopar as especies que mellor se adapten ás distintas localizacións”, subliñou.
A pasada semana, o Concello completaba outra quenda de plantacións como parte da actuacións nos Cantóns, coa chegada de seis aciñeiras nas proximidades do Teatro Colón.
Ademais, xa está a executarse a fase da obra que xuntará as dúas metades dos xardíns de Méndez Núñez, en que se creará un paseo que, respectando as particularidades estéticas e de vexetación de cada un dos seus tramos, presente unha maior integración e continuidade.
“O proxecto dos Cantóns vai mudar para mellor a cara dun dos eixes desta cidade. Os cambios que estamos introducindo teñen como obxectivo principal facer a zona máis agradable para vivir e máis verde para a cidadanía. E isto conséguese con investimentos públicos e proxectos transformadores ”, rematou Inés Rey.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.