Friday 24 de April de 2026

Máis de 400 escolares de Ribeira celebraron o Día do Libro co espectáculo O arcón de Noa


 O Concello organizou esta actividade en exclusiva para a comunidade educativa

Un total de 425 escolares de infantil e algún curso de primaria de oito centros educativos de Ribeira, xunto a 22 alumnos de Amicos, conmemoraron o Día Internacional do Libro, neste 23 de abril, asistindo ao novo Auditorio municipal para a representación de O arcón de Noa; un espectáculo que emprega a linguaxe da danza contemporánea, os obxectos e a interacción co dispositivo escénico para amosar múltiples situacións e personaxes guiados pola narración clásica de conto de maxia e fantasía.

O Concello de Ribeira optou por organizar esta actividade en exclusiva para a comunidade educativa para fomentar a lectura en idades temperás cunha proposta lúdica e pedagóxica.

Nesta función, os escolares acompañaron á protagonista, Noa, na viaxe máxica que emprende ao, por un encantamento, cobrar vida tódolos xoguetes que habitan o arcón e aparece un ser misterioso que goberna sobre eles. A posta en escena está fundamentada nas coreografías e nun dispositivo cunha estética colorida chea de fantasía e sorpresas, acompañada dun deseño de iluminación e un espazo sonoro que crean os diferentes ambientes e emocións que van guiando a narración.

Deja un comentario