O Local Social de Naraío acollerá este venres 24 de abril, a partir das 20:00 horas, unha nova sesión dos Foros da Veiga promovidos pola Asociación Veciñal O Castelo de Narahío como espazo aberto ao coñecemento e ao debate sobre cuestións de actualidade. Nesta ocasión o convidado será o mestre e historiador Xosé Manuel Suárez, quen ofrecerá unha charla centrada na memoria democrática de San Sadurniño e no contexto político e social que rodeou o golpe de Estado militar de 1936, a guerra civil e a posterior represión franquista.
Xosé Manuel Suárez Martínez (Cedeira, 1958) é licenciado e doutor en Xeografía e Historia pola UNED, ademais de autor de diversas investigacións de referencia sobre a Segunda República, a guerra civil e a represión na comarca. Entre as súas publicacións destacan O alzamento de 1936 no norte da Coruña (1992), Guerra civil e represión en Ferrol e comarca (2002), Armas para a República (2006) e Crónica negra de la Marina española (2014).
O seu traballo converteuno nun dos principais especialistas no estudo daqueles anos en Ferrolterra e comarcas próximas e, de feito, a solicitude de que Ferrol sexa declarada Cidade de Memoria baséase nun informe elaborado por el, coa colaboración doutros referentes na investigación da memoria histórica democrática, como Eliseo Fernández ou Bernardo Máiz.
A conferencia que ofrecerá no serán deste venres en Naraío permitirá afondar nas claves políticas e sociais do primeiro terzo do século XX, no desenvolvemento do golpe militar de xullo de 1936 e nas consecuencias que tivo para milleiros de persoas. “A represión exercida polos afíns ao golpe e o impacto do franquismo durante décadas son cuestións que deben analizarse e recordarse para comprender como aqueles feitos condicionaron a vida pública e privada de varias xeracións”, apuntan desde O Castelo de Narahío.
O colectivo veciñal engade que a sesión, titulada “A memoria democrática de San Sadurniño”, busca achegar unha visión sobre a nosa historia “contada con rigor”, coa finalidade de “entender o noso pasado aínda recente, ser conscientes del e evitar que se reproduza no presente”.
San Sadurniño e as súas parroquias tiveron unha intensa actividade política nos anos previos á guerra, e viviu igualmente aqueles momentos convulsos de xullo do 36 e os que viñeron despois. Uns corenta mozos do municipio morreron combatendo nun ou noutro bando, mentres que ducias de persoas sufriron depuracións, multas, prisión ou distintas formas de represalia polo seu apoio á legalidade republicana. Mesmo anos despois do remate da guerra, a zona continuou marcada pola tensión derivada da presenza do maquis -os coñecidos como “escapados”- e da persecución exercida polas forzas do franquismo.
Os Foros da Veiga proseguen, deste xeito, cumprindo a súa finalidade de servir como punto de encontro e reflexión colectiva arredor de temas de interese social, cultural e histórico. O Castelo de Narahío vén impulsando este ciclo co propósito de achegar voces expertas e fomentar o intercambio de ideas entre a veciñanza nun formato cercano e moi participativo. A sesión deste venres presenta, ademais, un especial interese polo vencello directo entre a temática tratada e a historia recente de San Sadurniño.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.