Wednesday 22 de April de 2026

O Concello abre este xoves o prazo de presentación dos Premios SELIC de creación literaria 2026


As persoas interesadas en participar nos Premios SELIC de creación literaria poderán presentar as súas propostas en galego nos xéneros de narrativa, poesía, teatro e ensaio ata o vindeiro 10 de setembro. As obras deben ser inéditas e ter Santiago de Compostela como marco da acción ou referencia fundamental.

O Concello abre este xoves o prazo de presentación dos Premios SELIC de creación literaria 2026
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica este mércores a convocatoria e as bases reguladoras dos Premios SELIC de creación literaria 2026, que convoca o Concello de Santiago co obxectivo de incrementar a presenza de Compostela na literatura escrita en galego.

O premio ten unha dotación económica de 6.000 euros e implica a publicación da obra gañadora na colección SELIC que edita o Concello. Poden optar a el obras inéditas escritas en galego tanto nos xéneros de narrativa, poesía, teatro e ensaio.

Do 23 de abril ao 10 de setembro

O prazo de recepción de orixinais ábrese este xoves 23 de abril, ao día seguinte da publicación da convocatoria no BOP, e remata o 10 de setembro deste ano. Terán que enviarse ao Concello de Santiago de Compostela (apartado de correos 10. 15.780 Santiago de Compostela) en arquivo dixital editable e en papel, xunto cun sobre pechado identificado mediante lema ou pseudónimo que debe conter os datos da obra e da súa autoría.

O xurando estará composto por cinco persoas representativas do sistema literario galego. O veredicto farase público no mes de decembro.

Deja un comentario