— A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita o centro para coñecer de primeira man os seus programas
— O CEIP foi recoñecido co Selo de Calidade do Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas e Formación do Profesorado, INTEF, polo seu proxecto eTwinning
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Colexio Plurilingüe de Tarrío, en Culleredo, co obxectivo de coñecer de primeira man as iniciativas que o centro está a desenvolver no eido da internacionalización e do fomento das linguas estranxeiras. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puido comprobar o traballo levado a cabo polo equipo docente a través de distintos programas educativos que promoven a apertura internacional do alumnado e a mellora do seu nivel de idiomas.
Entre as iniciativas máis destacadas atópase o proxecto eTwinning Let’s sing together, que o pasado curso foi recoñecido co Selo de Calidade Nacional do Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas e de Formación do Profesorado, INTEF, tras acadar unha destacada puntuación. Este galardón situou o centro entre os máis sobresaíntes do conxunto do Estado, o que lle valeu tamén a participación na Conferencia Nacional eTwinning 2026, baixo o lema Skills for life. Así mesmo, o colexio continúa a impulsar novos proxectos como Wonderful World, e participa na iniciativa Centros Referentes.
No ámbito da formación, conta cun Plan de Formación Permanente do Profesorado centrado na internacionalización e continúa avanzando no proceso para acadar a acreditación europea KA122-SCH, reforzando así a súa estratexia de apertura ao exterior. A directora xeral felicitou ao profesorado pola súa implicación e polos resultados acadados. “O traballo que estades a desenvolver é un exemplo de como a internacionalización pode integrarse no día a día dun centro educativo, contribuíndo a formar alumnado máis preparado para un contexto global”, destacou. Do mesmo xeito, puxo en valor a aposta da Xunta polo plurilingüismo, “Galicia é, por segundo ano consecutivo, a comunidade co maior nivel de inglés segundo o informe de Education First, o que demostra que as políticas educativas que estamos a impulsar están a dar resultados”, afirmou.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.