· Será este 23 de abril en horario de 16.00 a 19.00 horas
O Concello da Pobra do Caramiñal conmemorará o Día Internacional do Libro cunha xornada pensada para todos os públicos e organizada co obxectivo de fomentar a lectura entre a veciñanza que se levará a cabo este 23 de abril.
Así o destacou a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, durante a presentación da iniciativa. A edil asegurou que se trata dunha “maneira de celebrar esta data e promover que a xente lea, xa que na actividade repartiranse diferentes exemplares de varias categorías e para todas as idades”.
A encargada da biblioteca, Loló Fernández, foi a encargada de explicar polo miúdo a programación, que dará comezo ás 16.00 horas coa “solta de libros”, que se desenvolverá por distintos puntos do municipio. Fernández incidiu en que os exemplares poderán atoparse en lugares emblemáticos, algúns deles vencellados á literatura.
Os libros estarán dirixidos a público infantil, xuvenil e adulto, co obxectivo de chegar a todos os públicos. Para participar, as persoas interesadas deberán achegarse previamente á biblioteca municipal, onde se lles entregará unha pista por unidade familiar que lle axudará a atopar o libro.
Con esta iniciativa, búscase converter a celebración deste día nunha experiencia “participativa”, na que “contemos coa colaboración de moitos veciños e veciñas. O ano pasado tivo bastante éxito, por iso este ano quixemos repetir aumentando o número de exemplares e ofrecendo diferentes categorías”, concluíu a edil.
Os exemplares que non sexan atopados levaranse de volta á biblioteca.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.