A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, anuncia dous novos equipamentos deportivos, coas novas canastras no CEIP Lamas de Abade e a renovación do céspede do campo de Belvís, en funcionamento desde este luns.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, anunciou este martes que “logo de moita demanda e moito tempo esperando por cuestións burocráticas, por fin o pavillón do CEIP Lamas de Abade, cun investimento importante e xa desde onte, goza dunhas canastras de baloncesto e do campo pintado de maneira regulamentaria”.
A responsable municipal de Deportes celebrou que tamén desde este luns está en uso o novo campo de fútbol de Belvís tras a renovación do céspede, cunha actuación exemplar a nivel ambiental.
Mellora do pavillón de Lamas de Abade
Para atender as necesidades da comunidade educativa, o Concello de Santiago contratou o pasado mes a subministración de dúas canastras de teito regulamentarias e homologadas con regulación de altura para minibásquet cun investimento de 14.491,92 euros (IVE incluído).
Así mesmo, adecuouse o pintado da pista deste pavillón deportivo para a axeitada práctica do minibásket.
Estas melloras no pavillón deportivo do CEIP de Lamas de Abade terán continuidade co proxecto de remodelación que foi aprobado na Xunta de Goberno desta semana, cun orzamento de 367.404,62 € e un prazo de execución de 5 meses. Esta obra incluirá, entre outras actuacións, a renovación da cuberta, dos vestiarios, novos accesos e asfaltado.
Campo de Belvís
Respecto ao campo de Belvís, Lueiro destacou que é o primeiro do noso país que ten un pavimento sen recheo, “moi importante a nivel medioambiental” e desexou unha “longa vida a este campo” que xa está dispoñible para os clubs federados. A concelleira avanzou que proximamente o Concello informará do procedemento para que calquera persoa poida desta infraestrutura deportiva.
A renovación do céspede do campo de fútbol 8 de Belvís é unha actuación pioneira en Galicia, aliñada cos principios de eficiencia e sustentabilidade. O Concello adxudicou esta actuación por 47.553,01 euros (IVE engadido) á empresa Obras y Pavimentos Especiales SA, que renovou o terreo de xogo sen recheos nin residuos, coidando do patrimonio natural do lugar.
A solución adoptada consistiu na instalación dun novo sistema de céspede artificial sen recheo técnico de ningún tipo (sen caucho nin area). Ademais, elimina a dispersión de materiais á contorna natural e evita afeccións ao Rego de Belvís.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.