É un proxecto de 600.000€ que executa o Concello de Ribeira con fondos do Estado.
Na imaxe os voceiros Luís Pérez Barral, Fran Suárez-Puerta, o edil Juan Furones e a concelleira Veva Betanzos.
Texto íntegro da moción:
O proxecto de construción do carril bici para a conexión do casco urbano de Ribeira coa parroquia de Palmeira constitúe unha actuación relevante para o fomento da mobilidade sostible, incluída dentro da Axenda Urbana de Ribeira e cun orzamento de case 600.000 euros. Porén, o trazado proposto presenta deficiencias significativas se se analiza á luz da Guía de recomendacións para o deseño de infraestrutura ciclista do Ministerio de Transportes, que establece os criterios básicos que deben cumprir este tipo de actuacións.
Segundo a citada guía, unha rede ciclista debe ser segura, inclusiva, coherente, directa, cómoda, atractiva, dinamizadora, identificable, integrada na mobilidade sostible e compatible ambientalmente. Así mesmo, recolle unha serie de principios xerais de planificación, como a integración e adaptación ao contexto, o coñecemento da demanda actual e futura, o coñecemento do terreo e das experiencias reais, a integración con outros plans, a análise e inventario da calidade, a participación da veciñanza, as campañas de comunicación e a priorización das medidas.
En primeiro lugar, o trazado non é lineal, senón que cruza a estrada aos poucos metros de iniciar o percorrido en dirección Ribeira–Palmeira. Esta solución incumpre o principio de coherencia e continuidade da rede ciclista, que, segundo a guía, debe evitar interrupcións, cruzamentos innecesarios e inconexións no itinerario. Ademais, vulnera o principio de sinxeleza, ao non ofrecer un percorrido claro e continuo, obrigando ás persoas ciclistas a realizar manobras que incrementan o risco como atravesar unha estrada que ten moito tráfico e a velocidades que van de 50 a 70 km/h.
En segundo lugar, o trazado previsto supón a eliminación dunha franxa aproximada de 1,5 km de aparcadoiro, xerando unha forte afección á veciñanza. Esta decisión non garante usos existentes e pode xerar problemas á hora de poder deixar os vehículos estacionados, especialmente nos meses de verán que hai un aumento da poboación e de visitantes no municipio.
En terceiro lugar, na zona da curva das Saíñas así como as dúas seguintes, o trazado proposto presenta problemas evidentes de visibilidade entre vehículos e ciclistas. Isto supón un incumprimento do principio de seguridade, que debe ser o requisito fundamental da infraestrutura ciclista, tanto en termos reais como percibidos polas persoas usuarias. O deseño debe facilitar a visibilidade e percepción dos usuarios entre si, tanto peóns como ciclistas ou condutores de vehículos a motor, co suficiente tempo e espazo para reaccionar, evitando o conflito. O trazado proposto reduce a visibilidade e introduce puntos de conflito, polo que non habería que repensalo ben para que sexa un trazado axeitado.
En cuarto lugar, a solución adoptada implica, en varios treitos, a redución e incluso a eliminación directa da beirarrúa, provocando que as vivendas pasen a ter saída directa ao carril bici e que os peóns teñan que camiñar por el. Isto racha co principio de convivencia segura entre ciclistas e peóns, xa que a guía establece que o deseño debe atender ao conxunto de usuarios da vía pública, especialmente os peóns, evitando conflitos entre estes e os ciclistas. Debe terse en conta que as bicicletas, nun tramo como o da AC-305, poden circular a velocidades entre os 20 e os 40 km/h, o que, sumado á proximidade ás vivendas, xera un risco elevado tanto para a veciñanza ao entrar e saír das súas casas como para as persoas usuarias do carril bici.
En quinto lugar, as paradas de autobús existentes vense directamente afectadas polo trazado. A falta de espazo obriga ás persoas que agardan o autobús a atravesar o carril bici, iso cando hai beirarrúa porque no proxecto hai treitos nos que a beirarrúa se reduce ou desaparece directamente. Isto supón un incumprimento do principio de integración coa mobilidade sostible pero tamén vulnera o dereito de calquera persoa a ter garantida a accesibilidade universal. Ademais, existe unha alternativas xa que os anchos da vía permiten reordenar as paradas, crear o carril bici pero mantendo a continuidade peonil. Desta maneira, non se penalizaría nin os peóns nin ás usuarias que acceden ou descenden do autobús, evitando situacións de risco ao non verse sorprendidas pola presenza de bicicletas. Así mesmo, permitiríase dispoñer dun espazo seguro para a espera, sen invadir a vía ciclista nin interferir co seu uso.
En sexto lugar, o trazado non responde ao principio de conexión cos principais puntos de interese. As rede ciclista debe conectar de forma eficiente os focos de atracción de desprazamentos, evitando rodeos e cruces innecesarios. Neste caso, a solución proposta obriga a atravesar a estrada para acceder a destinos máis destacados, como a praia e cámping de Coroso, praias de Riazor, Pedras Negras, Supinal, etc. Ademais, quen circule cara a Palmeira ou A Pobra remataría o percorrido no lado contrario ao que lle correspondería continuar, xerando unha situación pouco intuitiva e insegura tendo que atravesar a estrada nunha curva e con escasa visibilidade.
Por último, a execución desta obra coincide coa humanización da AC-305 nun treito inmediato. Resulta necesario planificar de forma coordinada e integrada ambas actuacións, co fin de garantir un tráfico seguro para vehículos e peóns e evitar molestias.
A falta de coordinación pode provocar problemas relevantes de tráfico e seguridade, especialmente nun corredor de alta intensidade de uso que, ademais, xa se atopa afectado pola paralización das obras de humanización que se están a desenvolver nesta mesma vía.
Por todo o exposto, propoñemos a adopción do seguinte ACORDO:
Que o Pleno do Concello de Ribeira aprobe esta proposta, reconsiderando a configuración actual do trazado e vendo a mellor alternativa, co fin de garantir a continuidade, seguridade, integración e funcionalidade da infraestrutura.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.