A XXIX Feira da Plantación será este domingo 26 de abril o evento de obrigada asistencia para quen queira facerse con planta para morteiros, flores para o xardín, artesanía, produtos de temporada e, en xeral, todo o que teña que ver coa primavera. Pero, ademais, a feira tamén nons ofrecerá a oportunidade de pasar o día con distintas actividades paralelas. Entre elas destaca a proposta “En busca dos segredos da Cortiña”, unha iniciativa de interpretación ambiental e cultural pensada especialmente para público familiar. A actividade estará conducida pola Cooperativa Rexenerando dentro do programa municipal Terra de Vida e convidará a descubrir, a través do xogo, os valores naturais e as historias do contorno do paseo fluvial.
“En busca dos segredos da Cortiña” preséntase como unha experiencia participativa na que nenas, nenos e persoas adultas poderán compartir unha aventura baseada nun xogo de pistas co que aprender e divertirse arredor do patrimonio ambiental e cultural das inmediacións do recinto feiral.
Segundo explican desde Rexenerando, a Cortiña “agocha grandes historias cheas de maxia e as criaturas que habitan nela queren dalas a coñecer. Así, as persoas participantes irán resolvendo probas e seguindo indicacións para descubrir os segredos dun espazo singular no corazón do municipio”.
O percorrido permitirá achegarse a algúns dos elementos máis representativos da zona, como o paseo fluvial, o arboreto e a Fraga Máxica. A través destes enclaves iranse introducindo contidos relacionados coa biodiversidade, a sostenibilidade e a tradición popular, sempre cun formato adaptado ao público familiar.
A actividade desenvolverase este domingo en dúas quendas, unha de mañá e outra de tarde, cunha duración aproximada de entre 60 e 90 minutos. Para participar será preciso inscribirse media hora antes de cada sesión no posto do Concello, cun máximo de 20 persoas por grupo. O horario matinal abrirá inscricións de 12:00 a 12:30 horas e a saída será ás 12:30; pola tarde poderase anotar a xente entre as 17:00 e as 17:30 horas, iniciándose a actividade ás 17:30.
Con esta iniciativa, o programa municipal Terra de Vida -coordinado por Rexenerando- continúa promovendo accións orientadas á educación ambiental e á sensibilización social arredor do respecto pola natureza. O obxectivo destes obradoiros -que colexios e familias poden concertar noutros momentos do ano- é traballar os valores ambientais, fomentando tamén hábitos sostibles e o coñecemento do patrimonio local.
Máis actividades o día da feira… e tamén a véspera
A XXIX Feira da Plantación completarase ademais con demostracións de arte floral ás 11:00 e ás 16:30 horas, sesións de cociña en directo con degustación a cargo do cociñeiro André Arzúa ás 11:30, 13:00 e 18:00 horas dentro do programa provincial A Paisaxe que sabe, degustación de produtos de A Fusquenlla durante toda a xornada e a exposición do Xeoparque do Cabo Ortegal “Unha ollada ás rochas que pisamos”.
Ao longo do día tamén haberá sorteos de ramos e centros florais ás 14:00 e ás 19:45 horas, actuación itinerante do grupo Faíscas da Pontraga e un espazo habilitado para xantar, completando así unha cita que estrea a primavera en San Sadurniño.
Por outra banda tamén hai que lembrar que a área municipal de Igualdade organiza o sábado pola mañá, como antesala da feira, un novo obradoiro dentro do programa Tempos para compartir. A actividade consistirá nunha ruta con saída ás 11:00h de diante do Concello para descubrir plantas comestibles e medicinais que poden atoparse no paseo fluvial e nos xardíns municipais. Tralo paseo de recollida desenvolverase unha sesión práctica sobre como preparalas para o seu uso terapéutico e cluinario.
Este Tempos…estará conducido pola especialista María Couso Rodríguez, veciña da Rubiña. Ofértanse 15 prazas que se irán cubrindo por orde de solicitude enviando un correo electrónico a oriana.lopez@sansadurnino.gal ou chamando / Whatsappeando ao número 673 903 922.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.