Tuesday 21 de April de 2026

A Coruña afiánzase na elite do turismo MICE coa celebración do MIS Internacional 2026


Este encontro profesional entre organizadores de eventos, destinos e empresas celebrarase na cidade do 27 ao 29 de setembro

A Coruña busca afianzarse na elite do Turismo MICE tras un crecemento extraordinario nos últimos anos e por iso acollerá, do 27 ao 29 de setembro, o MIS International 2026, un punto de encontro profesional entre organizadores MICE internacionais, destinos e empresas especializadas no sector de eventos. As claves da sexta edición desde evento organizado por Grupo eventoplus en colaboración co Concello, Turismo de Galicia e A Coruña Convention Bureau presentáronse esta mañá no Club Cámara Noroeste.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, interveu no acto destacando o “enorme potencial da Coruña para consolidarse aínda máis no turismo MICE” e agradecendo a implicación de “todas as entidades e administracións que traballan en conxunto para que as actividades organizadas polos provedores teñan un retorno tanto individual como para a cidade”. Castro destacou tamén que a promoción do turismo MICE resposta ás estratexias establecidas pola alcaldesa, Inés Rey, para a desestacionalización do sector.

Durante o encontro déronse a coñecer as principais tendencias do sector e o impacto da IA na organización de eventos, así como as prioridades estratéxicas das marcas.

O MIS Internacional xa se celebrou en grandes cidades españolas como Bilbao, Madrid, Sevilla ou Barcelona e en todas elas a clave foi a ‘experiencia’ vivida polos usuarios, a cal posteriormente é trasladada ao mercado. Desde xeito, as principais reunións terán lugar no Hotel Meliá María Pita aínda que tamén se desenvolverán diferentes actividades no MEGA Museo Estrella Galicia ou en Árbore da Veira.

Medra o turismo MICE na Coruña

Durante o 2025 celebráronse na cidade 83 encontros profesionais con máis de 120.000 asistentes, o dobre de eventos e un 20% máis de asistentes con respecto ao 2024. A cidade acolleu diferentes congresos médicos e tecnolóxicos de renome como o Congreso Nacional SEMG, o Congreso SEFH ou Mundos Digitales. Ademais, con motivo da eclipse solar total que terá lugar o 12 de agosto, desenvolveranse na cidade dous importantes congresos ao redor deste tema como o New Frontiers in Cosmology 2026 e o Third Solar MHD Conference. Ambos terán lugar do 10 ao 14 de agosto.

Deja un comentario