Tuesday 21 de April de 2026

Inés Rey recoñece o traballo do Deportivo Fabril como punta de lanza “dunha das mellores canteiras nacionais”


María Pita acolleu a recepción institucional ao equipo tras acadar o ascenso a 1ª RFEF

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a recepción institucional ao Real Club Deportivo Fabril con motivo do seu ascenso a 1ª RFEF, terceira categoría do fútbol masculino nacional. Deste xeito, o Concello amosa o recoñecemento da cidade a este fito futbolístico para a cidade. Ademais de todos os xogadores branquiazuis, o club estivo representado polo conselleiro Carlos Ballesta, o director de Fútbol Formativo, Ismael Arilla e o adestrador do Deportivo Fabril, Manuel Pablo García.

“Representades unha cidade, unha cultura e unha maneira de vivir, a coruñesa, que marca a todo aquel que pon os pes na nosa cidade. Esforzádevos día a día para que 30.000 almas coreen os vosos nomes en Riazor”, indicou Inés Rey. Durante o acto, celebrado no Salón de Sesión do Palacio Municipal de María Pita, tamén tomaron a palabra Carlos Ballesta e o capitán do equipo, Hugo Ríos. A alcaldesa fixo entrega dunha Torre de Hércules conmemorativa ao club como lembranza do acto.

Carlos Ballesta, conselleiro do RC Deportivo, destacou que “é un orgullo para o club estar no Concello, a casa de todos os coruñeses”, e agradeceu “este recoñecemento, que reforza o vínculo histórico entre o Deportivo e a cidade”. Pola súa banda, o capitán do Fabril, Hugo Ríos, sinalou que “é un día moi especial porque sentimos o cariño da nosa cidade” e subliñou que o ascenso “é o reflexo de moito traballo diario, de esforzo en silencio e dunha gran unión dentro do equipo”. “A próxima temporada afrontaredes o máis grande dos retos da canteira branquiazul: afianzarvos no terceiro escano do fútbol nacional. Será un desafío de grande envergadura, mais tamén unha recompensa a un ano histórico”, sinalou Inés Rey.

Deja un comentario