O Concello programa este sábado, a partir das 12 horas, no marco da conmemoración do Día Internacional do Libro, o contacontos teatralizado “Umami”. Unha proposta da Compañía Pérez & Fernández para o público infantil, que se estrea en Neda, e pon o acento na diversidade.
Trátase dunha escolma de contos cheos de humor, emoción e tenrura, destinada a nenos e nenas de catro anos en diante. “Umami”, ese “quinto sabor” que foi cuestionado durante moito tempo por non encaixar no sistema clásico, inclúe relatos que falan de igualdade, diversidade, feminismo e novas masculinidades, “poñendo no centro o respecto e a liberdade de ser e de sentir”.
Segundo apuntan dende a compañía, o espectáculo está protagonizado por personaxes que non sempre encaixan co que se espera deles. Así “hai nenos que coidan, que choran e que soñan; nenas valentes e creativas; familias diversas e amizades que rompen etiquetas”.
A cita completará a programación especial da Biblioteca municipal co gallo do Día do Libro. Unha oferta que arrancou coa celebración das XXI Xornadas literarias sobre o “Galician noir” e que contempla ademais a entrega de agasallos aos lectores nedenses máis prolíficos deste espazo cultural.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.