Colocaranse vinilos en baixos sen actividade con imaxes de recursos turísticos
Baixo a premisa de mellorar a estética das rúas, o Concello de Ribeira pon en marcha unha iniciativa para o embelecemento de escaparates de locais baleiros para así erradicar o “feísmo” a causa de cartelería excesiva e obsoleta.
En consecuencia, promóvese a limpeza e acondicionamento destes baixos comerciais sen actividade e a colocación de vinilos de alta calidade e rotulación homoxénea con imaxes promocionais dos recursos turísticos de Ribeira, o cal redunda na difusión turística mediante soportes alternativos e na dinamización comercial ao mesmo tempo que se fomenta a participación cidadá ao involucrar á cidadanía no coidado do pobo.
O Concello asumirá con fondos propios a elaboración e o deseño dos distintos vinilos, así como o custe da colocación dos mesmos mentres estes baixos non conten con actividade económica.
“Xa no mes de novembro nos comprometemos nunha reunión cos socios da Asociación de Empresarios a traballar nunha campaña de mellora estética dos espazos públicos; unha medida que estivemos perfilando nestes meses. Cumprimos así a nosa palabra con esta nova iniciativa de embelecemento que se suma ao incremento da ornamentación vexetal. E isto non só embelece as nosas rúas, tamén sirve para poñer en valor os nosos recursos turísticos empregando soportes alternativos”, en palabras da alcaldesa, María Sampedro.
Preténdese así restaurar a imaxe urbana, regular a cartelería e publicidade, dar cumprimento a ordenanza de colocación de carteis, revitalizar os locais baleiros e sensibilizar a propietarios e anunciantes sobre a responsabilidade no mantemento das propiedades privadas.
Participación na medida
Nesta iniciativa poderán tomar parte calquera persoa propietaria dalgún local comercial situado no termo municipal de Ribeira e que, no momento da solicitude, estea baleiro e inactivo. Os escaparates terán que cumprir unha serie de condicións mínimas de limpeza e conservación que permita a colocación do vinilo no seu cristal.
A participación será de balde e poderase formalizar no prazo dun mes dende a publicación da información na páxina web municipal www.ribeira.gal mediante enderezo electrónico a comercio@ribeira.gal, co Anexo I cuberto e a seguinte documentación: copia do DNI/CIF, acreditación da propiedade e mínimo dunha fotografía da fachada do local con indicación do tamaño do escaparate.
O Concello de Ribeira avaliará tódalas solicitudes e seleccionará aqueles escaparates que considere axeitados para a posta en marcha da iniciativa atendendo as criterios de localización, tamaño, distribución equitativa polas rúas ou adecuación aos vinilos dispoñibles, entre outras cuestións.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.