A primeira sesión terá lugar este venres 24 de abril e contará coa participación das casas do maior “Sorrisos” e “O noso fogar”, así como alumnado do CPI Ponte Carreira
O Concello de Frades, en colaboración cos Servizos Sociais da Deputación da Coruña, pon en marcha esta semana un programa de actividades compartidas entre mocidade e persoas maiores denominado “O fío no tempo”. Unha iniciativa na que participarán as persoas usuarias das casas do maior “Sorrisos” (Abellá) e “O Noso Fogar” (Galegos), así como rapazada da ESO do CPI Ponte Carreira.
“Coa posta en marcha deste programa o Concello de Frades pretende promover a transmisión de valores, inquedanzas, coñecementos e vivendas entre estes dous grupos de idade”, explica Manuel Ferreiro, alcalde en funcións, quen engade que “consideramos que a transmisión de coñecementos e experiencias por parte dos maiores, así como o pulo e as inquedanzas dos máis novos son algo do que ambos grupos poden sacar cousas moi positivas. En especial nun concello coma o noso, con tanta xente maior, onde temos a obriga de perpetuar o seu legado”.
A estrea de “O fío no tempo” terá lugar este venres 24 de abril, a partir das 10:00 horas, no centro sociocomunitario de Ponte Carreira. Nel participarán as dez persoas maiores usuarias das casas do maior “O noso fogar” e “Sorrisos”, así como un grupo da ESO do CPI Ponte Carreira. “Sempre defendín este tipo de encontros interxeneracionais. Ver a maiores e rapazada desfrutando xuntos, compartindo vivencias, paréceme do mellor que se pode facer e agardamos que as persoas que participen desfruten desta experiencia e queiran repetir”, apunta Ferreiro Marzoa.
A intención do Concello de Frades é que “O fío no tempo” se asente como un encontro periódico entre os maiores e a mocidade de Frades, de forma que se programan distintas sesións ao longo do ano. Esta iniciativa xurde tras o éxito do programa “Lecturas compartidas cos nosos maiores”, posto en marcha polo CPI Ponte Carreira, a través do equipo do equipo de dinamización da lingua galega e da biblioteca do centro, en colaboración co Concello de Frades.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.