A Biblioteca Municipal de San Sadurniño encara a recta final do seu concurso fotográfico polo Día do Libro, posto que este xoves, 23 de abril, remata o prazo para entregar orixinais. O certame, aberto a maiores de 12 anos, convida á veciñanza a retratar calquera recuncho do municipio e vinculalo cun fragmento literario dunha obra existente, nunha iniciativa que busca poñer en valor o patrimonio local, ademais de fomentar a creatividade visual e o gusto pola lectura a través dun diálogo entre a imaxe e a palabra.
As persoas que desexen aproveitar estas últimas 72 horas para participar terán que presentar unha única fotografía orixinal e inédita centrada obrigatoriamente nun lugar do noso concello. As bases establecen que a imaxe debe manter unhas proporcións de 3×2 ou 2×3, cun tamaño mínimo de 15×10 ou 10×15 cm e unha resolución de 300 píxeles por polgada. É requisito fundamental que a obra vaia acompañada do título dun libro e dun fragmento literario que lle sirva de base ou contraste, indicando claramente a obra da que procede.
Para garantir a obxectividade do xurado, as propostas presentaranse baixo pseudónimo. No caso de optar polo envío electrónico, os traballos deben remitirse ao enderezo bbibliosansa@hotmail.com —con dúas “b” iniciais— nun cartafol comprimido que inclúa a foto e o texto anonimizado xunto a outro arquivo cos datos persoais. Se se prefire a entrega física, poderá facerse na Biblioteca Municipal no seu horario habitual, que para mañá martes será de 17:00 a 20:00 horas, mediante o sistema de sobre pechado para protexer a identidade do autor ou autora.
O xurado, composto por profesionais do ámbito das artes visuais, avaliará a orixinalidade e a execución técnica desta simbiose artística entre imaxe e literatura. O seu fallo farase público o 28 de abril e outorgaranse tres premios consistentes en vales canxeables por libros e material. Como culminación do concurso, as fotografías gañadoras xunto cos seus textos exporanse no recibidor da Casa da Cultura.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.