Esta autorización permitirá continuar coa a execución das obras, que terán dous meses máis de prazo de execución, polo que finalizarán en abril de 2027.
A Xunta de Goberno local aprobou na sesión ordinaria deste luns por vía de urxencia o modificado do proxecto de execución das obras de rehabilitación ‘Reurbanización da rúa García Lorca (Fase I)’ a fin de retirar a tubaría de fibrocemento con formigón da canalización do alumeado público para poder continuar co execución da obra.
A portavoz do goberno local, Míriam Louzao, explicou que esta modificación do proxecto para a reurbanización integral da rúa de García Lorca ten un orzamento de 117.993,75 € (IVE incluído) e supón unha ampliación do prazo de execución de 2 meses, quedando, xa que logo, establecido o remate das obras para o 22 de abril de 2027. O Concello acordou tamén levantar a suspensión da obra para que se reinicien os traballos.
Míriam Louzao considerou que é “perfectamente comprensible a preocupación da veciñanza e non cabe máis que darlle a razón sobre molestias que está sufrindo”, e incidiu tamén en que “o Concello, tanto técnica como politicamente, actuou con total dilixencia e transparencia e, agora que se retoman as actuacións, continuará facendo un seguimento estrito dos traballos”.
A solución do proxecto modificado implica modificar a sección tipo proxectada, suprimindo o carril bici e reordenando o espazo para ampliar as beirarrúas e manter a funcionalidade da vía e sen alterar a natureza global da actuación.
Transcurso das obras
Esta obra foille adxudicada o 30 de xuño de 2025 á empresa MARCONSA por un importe de 1.082.727,54 € (IVE incluído). O 22 de agosto autorizouse o inicio coa previsión de remate para o 22 de febreiro de 2027.
En xaneiro deste ano, a dirección facultativa solicitou a redacción dun proxecto modificado, logo de que na obra se detectase unha canalización de fibrocemento para o sistema de alumeado público, duns 600 metros de lonxitude e recuberta na súa totalidade por formigón. “Esta circunstancia, excepcional, complicaba significativamente a xestión do residuo de amianto, dado que, ademais da propia tubaxe de fibrocemento, o formigón en contacto directo con ela debe considerarse igualmente contaminado”, lembrou Louzao.
Analizadas tecnicamente as diferentes solucións posibles, o seu orzamento e a súa compatibilidade co deseño da rúa, concluíuse a necesidade de elaborar un proxecto modificado para recoller a xestión deste residuo non previsto reducindo ao máximo os metros de canalización de alumeado afectados pola execución das obras, que serían 230 dos 600 iniciais.
O Servizo de Proxectos e Obras emitiu en xaneiro o seu informe, que xustifica a necesidade de paralizar as obras e coincide coa dirección facultativa en canto á proposta de solución. Logo dos informes favorables do Servizo de Contratación e da Asesoría Xurídica, a Xunta de Goberno Local acorda autorizou a redacción do modificado o 23 de febreiro de 2026.
O proxecto modificado foi entregado o 17 de marzo e, unha vez comprobada a súa corrección, notificóuselle á empresa contratista, que presentou alegacións coa pretensión de que se recollesen diferenzas de medición en obra. Estas alegacións non foron aceptadas polos informes técnicos sobre a base de que ese tipo de variación non poden ser obxecto dun modificado que, segundo a Lei de contratos, se ten que limitar estritamente a resolver a causa obxectiva que o motivou.
Recadados todos os informes preceptivos, a Xunta de Goberno na sesión de hoxe aprobou o modificativo.
Contacto coa veciñanza
O concelleiro de Obras, xunto co persoal técnico, a dirección facultativa e responsables da empresa contratista, explicaron a situación á veciñanza nunha reunión a finais de xaneiro, en canto se coñeceu e se puideron analizar inicialmente a consecuencias. Míriam Louzao destacou tamén se informou dos pasos que cumpría dar a partir dese momento e recolléronse todas as peticións para minimizar os problemas. “Mantivéronse abertas durante todo este tempo varias canles de comunicación para que as persoas afectadas puidesen contactar co Concello e foron constantes os contactos coa presidencia da asociación do barrio”, concluíu.
A voceira do goberno local considerou “perfectamente comprensible” a preocupación da veciñanza e afirmou que “non cabe máis que darlle a razón sobre molestias que está sufrindo, cunha obra importante e con certa complexidade, acrecentada por unha situación imprevisible”. O Concello entende o malestar polo tempo que agardou esta intervención, para a que foi preciso dotar máis recursos dos previstos, para adaptar a obra ás necesidades reais. “O Concello, tanto técnica como politicamente, actuou con total dilixencia e transparencia e, agora que se retoman as actuacións, continuará facendo un seguimento estrito dos traballos”, sinalou Míriam Louzao.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.