Tuesday 21 de April de 2026

O Concello inicia as obras dun novo local de apoio ás actividades deportivas acuáticas no Matadoiro


A actuación permitirá recuperar un espazo en desuso no paseo marítimo para dar servizo á práctica do surf

O Concello da Coruña inicia esta semana as obras de acondicionamento dun local situado na contorna do paseo marítimo do Matadoiro, coa finalidade de habilitar un novo espazo de apoio ás actividades deportivas que se desenvolven neste ámbito, especialmente o surf.

A intervención permitirá recuperar un local actualmente sen uso, situado baixo o miradoiro do Matadoiro, para destinalo a equipamento público ao servizo da práctica deportiva no litoral.

Os traballos comezaron coa fase de demolición interior dos elementos existentes e continuarán coa reorganización do espazo e a execución das instalacións necesarias, así como coa colocación de carpintarías, acabados e o equipamento preciso para o seu funcionamento.

O proxecto define a creación dun espazo funcional, cunha superficie útil superior aos 55 metros cadrados, orientado a dar soporte loxístico ás actividades deportivas acuáticas.

Neste sentido, o local permitirá o almacenamento de material deportivo, como táboas de surf e traxes de neopreno, así como a xestión de servizos vinculados aos programas municipais neste ámbito.

Esta actuación dá resposta á demanda existente nunha contorna que se ten consolidado como un dos puntos de referencia para a práctica do surf na cidade, cun elevado número de persoas usuarias que carecen na actualidade de infraestruturas de apoio axeitadas.

Ademais, a intervención contribuirá a mellorar a funcionalidade e a imaxe dun espazo moi concorrido, reforzando o seu papel como ámbito activo para a práctica deportiva e o uso cidadán do litoral.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, sinalou que “con esta actuación damos resposta a unha necesidade real nun dos puntos con maior actividade deportiva do noso litoral”.

O Goberno local enmarca esta actuación na súa estratexia de mellora dos equipamentos deportivos da cidade e de posta en valor do litoral, avanzando na optimización dos espazos públicos e na dinamización da costa como punto de encontro para a cidadanía.

Deja un comentario