Thursday 21 de November de 2024

O Concello de Oroso entrega os premios do VII Concurso ‘De tapa en tapa’


O alcalde, Manuel Mirás, destaca a importancia do sector hostaleiro para o emprego no municipio e reafirma a vontade do goberno de seguir promocionándoo, xunto coa actividade comercial

O Concello de Oroso entregou os premios da sétima edición do Concurso ‘De tapa en tapa’. O acto estivo presidido polo alcalde, Manuel Mirás, acompañado polas concelleiras de Turismo, Vanesa Boo, e de Benestar Social, Beatriz Rodeiro.

O primeiro premio recibiuno a cafetería ‘Os 6 Ríos’, coa súa tapa ‘O segredo dos 6 ríos’. O establecemento debutou este ano no certame e conseguiu 524 votos. O premio consiste en 300 euros e un diploma acreditativo. O segundo posto, con 483 votos, foi para o ‘Bar Tapas’ e o seu ‘Milfollas de tenreira’. O premio é de 200 euros e diploma. E o terceiro, con 393 votos, recaeu no ‘Sigu Café’, por unha ‘Tosta de lombo’. Recibe 100 euros e diploma.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, agradeceu a participación dos establecementos e dos clientes que puntuaron as tapas no concurso. Mirás destacou a importancia que o sector da hostelería ten para o emprego no municipio e reafirmou o compromiso do goberno local por seguir promocionándoo, xunto coa actividade comercial. Puxo como exemplo, ademais do concurso de tapas, a organización de eventos como a Festa da Troita, na que “por cada euro que investimos obtense un retorno de 10 euros”.

Ademais dos premios aos negocios gañadores, o concurso ‘De tapa en tapa’ entregou os agasallos sorteados entre as persoas que votaron as propostas que foron degustando no certame. Recibiron obsequios: Gloria Rodeiro (unha tablet), Manuela Caeiro (unha estancia nas Cabanas do Barranco de Outes), Isabel Míguez (vale de compra de 100 euros no supermercado Familia), Jesús Franqueira (vale de compra de 50 euros no supermercado Familia), Mónica Souto (vale de compra de 100 euros no supermercado Viuda de Nouche), Juan Manuel Iglesias (vale de compra de 50 euros no supermercado Viuda de Nouche), José Luis García (un par de zocos do comercio Zoclos), Miguel Ángel Mato (vale de compra de 100 euros nos comercios colaboradores), Teresa Cabello (vale de compra de 80 euros nos comercios colaboradores), María Guadalupe Castelo (vale de compra de 60 euros nos comercios colaboradore), Dolores Viqueira (vale de compra de 60 euros nos comercios colaboradores), e Antonio Matías, Carlos Mirás e Pablo Vieites, con cadanseu lote de botella e copas de Vermú Petroni.

Máis de 4.437 consumicións
Este ano participaron no sorteo 740 persoas (280 máis ca en 2015) polo que, só contabilizando os selos emitidos para o concurso, no VII Concurso de Tapas do Concello de Oroso se degustaron un total de 4.437 consumicións, ás que habería que engadir as numerosas tapas que tomaron as persoas que non se presentaron ao concurso. É a maior participación desde que se organiza o concurso, a pesar de que a meteoroloxía non foi tan boa como en anos anteriores. As 4.437 consumicións supoñen un 50,3 % sobre as de 2015. Para atender esta elevada demanda, o Concello de Oroso tivo que repartir unha edición especial de boletíns de votacións durante a segunda fin de semana do concurso.