Monday 20 de April de 2026

Narón reúne o mellor voleibol base galego coas finais alevíns este domingo na Solaina


O Concello de Narón acolle esta fin de semana unha das citas máis destacadas do voleibol base galego coa celebración das finais dos Campionatos Galegos de categoría alevín, que terán lugar este domingo 26 de abril no pavillón da Solaina.

O edil de Deportes, Ibán Santalla, participou na presentación oficial do evento xunto co secretario da Federación Galega de Voleibol, Ramón Baña, e a presidenta do club organizador, CV Narón Volea, Eva Romero.

Segundo explicou Ramón Baña, serán arredor de cen os participantes nunha xornada que reunirá os mellores equipos galegos da categoría. No cadro feminino competirán Calasancias e Liceo da Coruña, Korvis de Monforte e Narón Volea, mentres que no masculino participarán Narón Volea, Pontevedra, Calasancias e Arenal Emevé de Lugo.

A competición desenvolverase en dúas pistas de maneira simultánea a partir das 10:00 horas, coas finais previstas para as 13:30 horas.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, destacou que “é unha satisfacción para Narón acoller unha cita deportiva deste nivel, que ademais pon en valor o traballo do deporte base e o compromiso do club local”. Así mesmo, subliñou que “eventos como este contribúen a dinamizar a actividade deportiva e tamén a economía local, coa chegada de equipos e familias ao municipio”.

En termos similares pronunciouse o secretario da Federación Galega de Voleibol, Ramón Baña, quen agradeceu “a implicación do Concello de Narón e do club Narón Volea na organización destas finais” e salientou o alto nivel dos equipos participantes, que representan “o mellor do voleibol galego nesta categoría”.

Deja un comentario