Sunday 19 de April de 2026

Mercedes Rosón levará ao Pleno a falta de resposta do Concello sobre a titularidade dun tramo da rúa Forniños


• A concelleira non adscrita preguntará polo informe solicitado pola veciñanza en xuño do 2023 e que aínda non foi emitido sobre o carácter público ou privado da vía e o mantemento dun paso tradicional cara a rúa da Campiña
• Xunto a Rosón, Gonzalo Muíños e Mila Castro unha reunión con algunhas veciñas e veciños da zona

As concelleiras Non Adscritas veñen de reunirse cun grupo de veciñas e veciños da rúa Forniños, que levan desde xuño do 2023 agardando pon informe solicitado ao servizo de Patrimonio do Concello de Santiago ante as dúbidas existentes sobre o carácter público ou privado da vía e sobre o mantemento dun paso tradicional cara a rúa da Campiña.

Segundo explicou Mercedes Rosón, solicitouse por parte da veciñanza ao servizo de Patrimonio a elaboración dun informe que aclarase a situación xurídica e a titularidade deste último tramo da rúa. A petición produciuse despois de que o propietario dunha finca lindeira afirmase ter adquirido tamén ese espazo, unha circunstancia que, porén, non figura reflectida nos datos do Catastro, xerando incerteza sobre se se trata dunha vía pública ou dunha propiedade privada.

“É urxente resolver esta situación, que ademais de incertezas pode chegar a provocar certo malestar social” criticou Rosón que incide ademais sobre o sendeiro empregado pola veciñanza que permite a comunicación coa rúa da Campiña, polo que “unha posible apropiación deste treito final da rúa Forniños suscita dúbidas sobre a existencia e conservación dunha servidume de paso”.

Rosón interpelará directamente ao concelleiro Urbanismo no vindeiro pleno polo estado actual do informe solicitado e polas medidas que prevé adoptar o goberno municipal para garantir, no seu caso, “o mantemento deste paso tradicional, incluíndo a posible existencia dunha servidume, ante o tempo transcorrido sen resposta ás persoas afectadas”. “O que pedimos é claridade, seguridade xurídica e unha resposta ás persoas que levan case tres anos agardando” concluíu.

Deja un comentario