· O auditorio do CCC Arteixo acolle o domingo, 19 de abril, desde as 10:30 horas, unha nova edición desta cita que terá quenda de mañá e tarde.
· Tomarán parte 38 grupos de 20 agrupacións chegadas de diferentes zonas de Galicia.
· Auméntase a dotación en premios xa que este ano repartiranse preto de 3.000 euros en premios sumando as catro categorías a concurso.
· A cita poderá seguirse pola canle de YouTube da asociación.
Un total de 38 grupos tomarán parte no XXVI Concurso de Música Tradicional de Xiradela xuntándose máis de 260 pandeireteiros e pandeireteiras. A cita terá lugar o vindeiro domingo 19 de abril de 2026, en horario de mañá e tarde, no auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo. Ademais poderá seguirse en liña a través da canle de YouTube da asociación arteixá picando na seguinte dirección: https://youtube.com/live/geaJQr4ySuk?feature=share
Participan agrupacións chegadas de diferentes puntos de Galicia como Coirós, Ames, A Coruña, Carballo, Trazo, Boimorto, Compostela, Sada, Ponteareas, Ponteceso, Rianxo, Vigo, Sanxenxo, Lugo ou Teo, entre doutros.
O concurso comezará ás 10:30 horas e estenderase ao longo da mañá, aproximadamente ata ás 14:00 horas. O acceso ao Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo é de balde ata completar o espazo para o público que desexe gozar da actuación. A quenda de tarde iníciase ás 16:00 horas estendéndose previsiblemente ata as 20:00 horas. A rotación de público é alta, por ese motivo, en anos previos o público que acudiu á cita ao longo do día aproximouse ás 1.000 persoas.
Fóra do Auditorio, na contorna do paseo fluvial, en pleno centro de Arteixo, o ambiente previo ás actuacións vívese dun xeito especial e colorido. Adoitase ver a pandeireteiras e pandeireiros ultimando os detalles da súa vestimenta, rematando de aquelar un refaixo, colocando ben o pano da cabeza ou afinando voces e quentando o pulso pandeireta en man para que as ferreñas soen a xeito sobre o escenario.
Participantes por categorías e premios
Como en anos anteriores, a 26.ª edición do Concurso de Música Tradicional da A.X. Xiradela conta con catro categorías que se dividen en función das idades das persoas integrantes do grupo. Para cada unha desas categorías hai premios en metálico para primeiro, segundo e terceiro clasificado, ademais dun trofeo para o colectivo con mellor vestiario.
En total alcánzase a cantidade de 2.900€ en premios sumando todas as categorías. Os grupos participantes poden ser: femininos, masculinos ou mixtos, e será obrigatorio o uso do traxe tradicional.
As categorías a concurso son:
CATEGORÍA A: ata os 10 anos. Participan 10 grupos
CATEGORÍA B: de máis de 10 aos 13 anos. Participan 10 grupos.
CATEGORÍA C: de máis de 13 aos 17 anos. Participan 10 grupos.
CATEGORÍA D: de máis de 17 anos en diante. Participan 8 grupos.
Os premios serán os seguintes en cada unha das categorías:
CATEGORÍA A
1º premio: trofeo e 300 €
2º premio: trofeo e 200 €
3º premio: trofeo e 100 €
Premio ao mellor vestiario: trofeo
CATEGORÍA B
1º premio: trofeo e 300 €
2º premio: trofeo e 200 €
3º premio: trofeo e 100 €
Premio ao mellor vestiario: trofeo
CATEGORÍA C
1º premio: trofeo e 400 €
2º premio: trofeo e 200 €
3º premio: trofeo e 100 €
Premio ao mellor vestiario: trofeo
CATEGORÍA D
1º premio: trofeo e 500 €
2º premio: trofeo e 300 €
3º premio: trofeo e 200 €
Premio ao mellor vestiario: trofeo
Listado de grupos participantes:
CATEGORÍA A
‘Lerchiñ@s’ da A.C. Retranqueiros (Ames)
‘Rubideiras’ da Asociación Cultural Donaire (A Coruña)
‘Picariñas’ da A.M.B.T Vai de Roda (Rianxo)
‘Xeitosiños’ dos Os Xeitosos de Trazo
‘Pícaras’ da E.M.B.T de Coirós
‘Chisparelas’ da A.C.F. Tarambainas (Vigo)
‘Grupo E’ da A.F. Cantigas e Agarimos (Compostela)
‘Pechacancelas’ Asociación Cultural Soalleira (Sanxenxo)
‘Ardora’ da A.C. Xacarandaina (A Coruña)
‘Teceláns’ da A.C.F O Fiadeiro (Vigo)
CATEGORÍA B
‘Sabicheiras’ da Asociación Cultural Cántigas e Frores de Lugo
‘Xoaniñas’ da A.C. Xacarandaina (A Coruña)
‘Axóuxeres’ da A.C Nemeth (Carballo)
‘Grileiros’ da A.C. Donaire (A Coruña)
‘Titiriteiras’ da A.C.F. Tarambainas (Vigo)
‘Lareteiras’ da A.F. Santiaguiños de Boimorto
‘Azaloira’ da Sociedade Recreativa San Xoán de Calo (Teo)
‘Moreniñas’ da A.M.B.T Vai de Roda (Rianxo)
‘Repoludas’ da E.M.B.T de Coirós
‘Abrollos’ da A.C. Os Muiños de Oliveira (Ponteareas)
CATEGORIA C
‘Meiroqueiras’ da A.F. Santiaguiños de Boimorto
‘Falangueiras’ da A.C.F. O Fiadeiro (Vigo)
‘Velai vai’ da A.C. Donaire (A Coruña)
‘ATelleira’ do C.C. A Ponte Vella (Teo)
‘Tarandeiras’ da A.C. Xacarandaina (A Coruña)
‘Laretas’ da A.C.F. Tarambainas (Vigo)
‘Silandeiras’ da E.M.B.T de Coirós
‘Areíñas’ da Asociación Cultural Soalleira (Sanxenxo)
‘5 Ferreñas’ da A.M.B.T Vai de Roda (Rianxo)
‘Avelaíñas’ da A.C. Inllar (Ponteceso)
CATEGORÍA D
‘Garuleiros’ da A.C. Donaire (A Coruña)
‘Barulleiras’ da A.F. Santiaguiños de Boimorto
‘Tarambainas’ da A.C.F. Tarambainas (Vigo)
Pandereteiras “Os Muíños de Oliveira” da A. C. Os Muiños de Oliveira (Ponteareas)
‘Argalleiros’ da A.C. Xacarandaina (A Coruña)
‘Ferriñas Bravas’ da A.C.F. O Fiadeiro (Vigo)
‘Arnela’ da A.D.M.T. Queiroa (Sada)
‘Grupo A’ da A.C. Retranqueiros (Ames)
Cada grupo terá un tempo límite de 5 minutos para interpretar a/as peza/s coas que tomará parte no certame. O grupo que exceda o dito prazo quedará descualificado.
No momento da cualificación o xurado terá en conta:
A autenticidade da peza, que terá que ser tradicional.
A súa dificultade.
A afinación.
A interpretación.
O xurado será nomeado pola A.X. Xiradela e os seus fallos e acordos serán inapelables.
Nesta convocatoria non participarán os grupos da A.X. Xiradela, anfitrioa e organizadora desta cita na que colabora o Concello de Arteixo.
QUEN É XIRADELA
A Asociación Xuvenil Xiradela, radicada no concello de Arteixo, nace no ano 1982 co obxectivo de recuperar o noso folclore e gozar do tempo de lecer, así como de colaborar con outras asociacións ou entidades que lle permiten, por un lado difundir o seu traballo, e por outro, axudan a promover a socialización da rapazada con xente doutras asociacións.
Comezou impartindo a actividade de baile tradicional, e despois ampliou ás actividades de pandeireta e canto tradicional, gaita e percusión.
A partir do ano 1984 créase un grupo de investigación para a recollida de música, cantigas, literatura oral, costumes, bailes e traxes dos nosos devanceiros, a súa recuperación e divulgación, pretendendo ser o máis fieis posibles coa máis pura tradición galega.
Ademais do concurso de música, dende o ano 1987 e de xeito continuo vén celebrando o Día da Muiñeira en Arteixo no mes de xuño. Trátase dunha exhibición na rúa de bailadores e bailadoras da peza máis emblemática do noso folclore.
No caso do Concurso de Música Tradicional é un acontecemento que nacía no ano 2000 coa intención de promover a participación das escolas de música tradicional para que a mocidade puidese ter máis actuacións e relacionarse entre si, e facilitar deste xeito o coñecemento da nosa cultura. Esta edición e xa a 26.ª




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.