Sunday 19 de April de 2026

A alcaldesa valora a implicación da veciñanza e anuncia máis medidas para mellorar a recollida de residuos


Goretti Sanmartín informa de que o Concello activa este venres unha nova campaña de concienciación e pon en marcha outras melloras, coma a sinalización de residuos voluminosos na rúa. “Imos polo bo camiño con todo aquelo que está relacionado coa sustentabilidade, mais por que facelo só ben, cando podemos facelo mellor”, valora.

O Concello de Santiago activa unha nova campaña de información para mellorar a recollida de residuos

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, informou este venres en rolda de prensa da campaña informativa que o Concello pon en marcha desde hoxe co obxectivo de mellorar a recollida selectiva de residuos.

“A partir de hoxe e durante os próximos tres meses, persoal técnico ambiental estará a pé de rúa para informar sobre a forma en que cómpre separar e depositar os diferentes tipos de lixo”, indicou a rexedora, e destacou que “o obxectivo é aumentar o compromiso coa xestión correcta dos residuos, tanto de persoas particulares como de negocios comerciais e de hostalaría, a través da información e da detección de malas prácticas para corrixilas”, sinalou.

O persoal da campaña informará e apercibirá dos incumprimentos, ata un máximo de tres veces. A partir do terceiro aviso, informará a Policía Local. A anterior campaña xerou 300 partes de incidencias ou incumprimentos relacionados coa recollida de lixo, que derivaron en 23 expedientes a empresas, aos que se suman outros oitos abertos nos últimos días.

Deste xeito, a alcaldesa considerou que o Concello está a poñer os medios necesarios. “A maioría da cidadanía fai uso deles e colabora en ter unha cidade mais limpa e sustentable. Temos o reto de convencer a esa pequena parte de que este obxectivo tamén é cousa súa”, afirmou Sanmartín. “Imos polo bo camiño con todo aquelo que está relacionado coa sustentabilidade, mais por que facelo só ben, cando podemos facelo mellor”, dixo.

Cidade Histórica e Ensanche

As accións de información e control desta campaña municipal estenderanse a todo o termo municipal, pero serán máis intensas na Cidade Histórica e no Ensanche, onde se concentra produción de residuos.

“Por suposto, continuaremos avanzando tamén nos mecanismos de control, da empresa prestadora do servizo e dos incumprimentos das persoas usuarias, e impulsando os expedientes sancionadores que correspondan, pero o primeiro é a concienciación”, considerou a alcaldesa, poñendo o foco no “compromiso coa calidade dos servizos e do espazo público” e pedíndolle tanto á veciñanza como ás empresas unha xestión correcta dos residuos para alcanzar estándares mellores na cidade.

Datos de reciclaxe

Sanmartín indicou que en Compostela se recollen unhas 47.000 toneladas/ano de residuos, o que supón unha media de 470 kg de residuos por habitante e ano. Esta media por habitante é superior á de Galicia (349 kg), dato que atribuíu principalmente á relevante presenza de persoas que non contan no número de habitantes da cidade.

En canto á separación de residuos a alcaldesa valorou que se está a facer “relativamente ben”, xa que o 28,7% do lixo recollido na cidade corresponde ás fraccións que se separan para a súa reciclaxe: envases lixeiros, vidro, pilas, aceite, papel e cartón, téxtiles, enseres ou materia orgánica. A media en Galicia está arredor do 16%.

“Hai fraccións nas que destaca o crecente compromiso da veciñanza coa sustentabilidade ambiental”, sinalou. E mencionou que en Santiago se separa o residuo orgánico 32 veces máis que no conxunto de Galicia; os envases lixeiros, un 70,51%máis; o vidro, 62%; o papel, 80%; as pilas, 900%; o téxtil un 24% e os voluminosos un 407%.

“Desta comparativa dedúcese que Santiago o está facendo ben. Mais podemos facelo mellor”, sinalou a alcaldesa.

Sanmartín apuntou que a evolución interna tamén é positiva; dentro das principais fraccións entregadas polo Concello de Santiago para a súa xestión a SOGAMA, en 2025 producíronse 354 toneladas menos da fracción resto (-0,97%) e recollérose 4,8 toneladas máis de envases lixeiros (+0,18%) e 125 toneladas máis de materia orgánica (+24,36%).

Residuos voluminosos

Goretti Sanmartín centrouse na situación dos residuos voluminosos, moi visibles na rúa, para pedirlle á veciñanza que contacte cos servizos municipais para avisar para concertar o día e a hora en que serán depositados na vía pública. Concretou que esta xestión pode facerse a través da web santiagosostible.gal e do teléfono 981565469 (de 10 a 13h de luns a venres) ou ben, poden levarse directamente estes refugallos aos puntos limpos, abertos de luns a sábado.

A alcaldesa insistiu na importancia do aviso previo antes de deixar obxectos sobrantes na rúa, xa que se está producindo “un aumento moi significativo”, indicou. O servizo recibiu, por vías diversas, algo máis de 25.000 avisos en 2025, un 10,5% máis que o ano anterior e un 13% por encima dos recibidos en 2023.

O volume de actuacións de retirada o ano pasado estivo por volta das 16.500, coas que se recolleron unhas 2.000 toneladas de residuos voluminosos. So 6.284 retiradas (o 38%) foron resultado da chamada previa preceptiva.

En consecuencia, Sanmartín chamou á responsabilidade colectiva para facilitar o traballo dos servizos municipais, garantir que a retirada funciona correctamente e mellorar a imaxe de limpeza da cidade.

Para avanzar nestas melloras o Concello tamén lle solicitou á empresa que reforce o sistema. Ademais, comezará a sinalizar os residuos que xa constan como identificados, cun adhesivo que lle permitirá á veciñanza saber que en breve vai acudir o equipo de retirada.

Deja un comentario