Sunday 19 de April de 2026

O BNG propón un plan de investimentos e denuncia que Portos fai caixa mentres mantén os peiraos abandonados


O Bloque Nacionalista Galego levará ao pleno do Concello de Ribeira e ao Parlamento Galego unha iniciativa para denunciar o grave estado de abandono das instalacións portuarias do municipio e esixir á Xunta de Galiza, a través de Portos de Galiza, actuacións que garantan a seguridade, o mantemento e o futuro do sector do mar. A deputada Rosana Pérez, o exalcalde Luís Pérez e o responsable local Rafa Pazos, advertiron que a situación actual está a afectar directamente tanto aos profesionais do mar como á veciñanza que emprega os peiraos, evidenciando unha falta de planificación e investimento prolongada no tempo.

A deputada nacionalista sinalou que o abandono dáse nos distintos portos do concello e incluso noutros da comarca e do país, “onde se acumulan numerosas deficiencias, entre elas a falta de limpeza xeneralizada e o deterioro do pavimento no porto de Ribeira”. Pérez Fernández denunciou tamén a existencia de elementos perigosos sen reparar como as escaleiras esnaquizadas en Aguiño desde hai aproximadamente un ano, a fenda cada vez maior na rampla de Castiñeiras ou un muro danado en Corrubedo tras os temporais que continúa sen ser reparado. No ámbito da iluminación, lembran que o peirao da Ameixida leva tempo sen luz e que en Corrubedo e Castiñeiras prodúcense cortes constantes de subministración eléctrica, deixando as instalacións ás escuras durante horas sen que Portos de Galiza dea solución. No apartado de infraestruturas a nave das redeiras en Aguiño precisa unha nova cuberta, as chabolas de Castiñeiras teñen goteiras e a lonxa vella de Ribeira segue abandonada sen o uso comprometido para os redeiros. En materia de seguridade, denuncian que as cámaras levan anos sen funcionar mentres se suceden os roubos de combustible ou material de traballo do sector do mar. “Estas cámaras poderían ter sido vitais para esclarecer o suceso que acontecía esta semana na que se atopou unha persoa morta no porto ribeirense” lamenta.

A deputada fixo especial incidencia no abandono do porto comercial, onde as descargas pasaron de 98 millóns de quilos en 2001 a apenas 6 millóns en 2021 e practicamente desapareceron na actualidade, con só 118 toneladas de conxelados rexistradas en 2025. Ademais, continúa sen retirarse o barco Awadi, calcinado en setembro, xunto con outras embarcacións inactivas que permanecen amarradas durante anos. “Este barco é un risco ambiental e debe marchar do porto ribeirense xa que se vai ao fondo pode verter todo o combustible que aínda almacena no seu interior. Non queremos que se repita a historia do L’Etel que acabou no fondo durante meses”.

A deputada do BNG no Parlamento galego, denunciou que “o Partido Popular leva anos mirando cara outro lado mentres os portos de Ribeira se deterioran de maneira alarmante, poñendo en risco a seguridade das persoas que traballan no mar e o futuro dun sector estratéxico para Galiza”, e advertiu de que “é inaceptable que problemas coñecidos desde hai anos sigan sen solución por parte de Portos de Galiza”.

Afán recadatorio

Pola súa banda, o exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, criticou que “Portos de Galiza, xestionado polo Partido Popular, está máis preocupado por facer caixa que por manter as infraestruturas en condicións de seguridade e bo estado”.

Barral denunciou que o ente público “non só recada taxas do sector do mar, senón que tamén cobra taxas abusivas á hostalaría e aos concellos”, e puxo como exemplo que “no caso de Ribeira, Portos de Galiza ingresa máis de 100.000 euros anuais procedentes do Concello, cartos que pagan os veciños e veciñas mentres os peiraos continúan nun estado de abandono absoluto”.

Barral, informou que esta iniciativa recolle as principais demandas que traslada o sector do mar e esixe que Portos de Galiza realice un plan de mantemento ambicioso a medio prazo para os portos do concello de Ribeira no que se contemple o concepto e o orzamento a investir por cada anualidade. O portavoz lamentou o servilismo do goberno municipal que obedece ordes e non reclama o que lle corresponde ao sector, por iso tamén demanda que o Concello de Ribeira actúe con firmeza esixindo á Xunta medidas que revertan o declive da actividade portuaria e garantir o futuro dun sector clave para a economía local.

“O sector pode contar con nós e imos trasladar as súas demandas ás institucións para que o porto de baixura máis importante de Europa teña os investimentos que merece” concluíu Barral.

Deja un comentario