O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, visitou esta mañá o Centro de Día de San Sadurniño, onde acaban de iniciarse as obras para reparar varias deficiencias detectadas na envolvente do edificio. No percorrido estivo acompañado polo alcalde, Secundino García Casal, e polo edil do PP José Luis Hermida Prieto.
O representante do ente autonómico tamén percorreu a Casa do Concello e achegouse até a Escola Infantil Municipal A Rolada, que ofrece un servizo de conciliación totalmentre gratuíto para as familias, grazas ao financiamento do Concello e, en menor medida, da Xunta de Galicia.
A este respecto, Secundino García Casal comentou con Perfecto Rodríguez a necesidade de que o centro se integre na rede autonómica de escolas infantís e lembroulle que a gratuidade decretada hai algo máis de tres anos pola Xunta lle está supoñendo ao Concello un importante esforzo económico.
Tal e como explicou o alcalde trala visita, San Sadurniño está dedicando uns 113.000 euros anuais á xestión do centro, e arredor de 15.000 aos custes de mantemento -luz, calefacción, etc.-. A Xunta, pola súa banda, “só está ingresándonos 34.000 euros ao ano”, asegurou García Casal.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.