Sunday 19 de April de 2026

Rueda reafirma o compromiso da Xunta co rural coa entrega de máis de 540 títulos da concentración parcelaria en Mesía, que permitiu multiplicar por tres a dimensión das leiras


 Destaca que o proceso permitiu “reducir o número de propiedades, aumentar a superficie e sobre todo dar moita máis utilidade nun concello agrogandeiro como este para poder traballar as terras e darlle un sentido a ter esas propiedades”

 A concentración permitiu reorganizar 931 hectáreas que pertencen a 322 veciños e veciñas, reducindo o número de parcelas nun 66 %

 O presidente sinala esta ferramenta como unha aliada para fixar poboación no rural e que a xente nova “vexa rendibilidade e futuro”

 O Executivo autonómico prevé entregar con esta de Mesía un total de 25 parcelarias antes do 2028 e iniciar os trámites para decretar sete novas reestruturacións neste 2026

 Asegura que o Goberno galego seguirá defendendo unha nova Política Agraria Común (PAC) que conserve unha xestión eficaz, siga dispoñendo dun volume suficiente de fondos para a modernización e garanta o desenvolvemento rural

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu esta mañá o acto de entrega dos títulos da concentración parcelaria de Xanceda-Mesía II, onde reafirmou a aposta estratéxica do Goberno galego para seguir “modernizando o noso agro e facéndoo competitivo” para “manter o noso rural vivo”.
O proceso que hoxe culmina supuxo un investimento por parte da Administración autonómica de máis de 1,5 millóns de euros para reorganizar unha superficie de 931 hectáreas. Esta actuación beneficiou a 322 veciños e veciñas da zona, permitindo pasar de máis de 1.600 parcelas iniciais a 542 predios, o que supón unha redución do 66%. Grazas a esta reestruturación, a dimensión media de cada predio multiplicouse por tres, ata chegar aos 17.192 metros cadrados.
“Reducimos o número de propiedades, aumentamos a superficie e sobre todo damos moita máis utilidade nun concello agrogandeiro como este para poder traballar as terras, para darlle un sentido a ter esas propiedades”, afirmou.
Rueda, que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou que a concentración parcelaria é, ademais dunha ferramenta para paliar o minifundismo desde o punto de vista da estrutura da propiedade, unha aliada para fixar poboación e atraer xente nova. “Se queremos que a xente quede a traballar no campo, hai que ofrecerlle posibilidades, que vexa rendibilidade e futuro”, asegurou, ao tempo que incidiu en que tamén “hai que seguir dando servizos para que vivir aquí sexa atractivo, para os que levan toda a vida, para que a xente moza non marche e, incluso, para xente que pode ver aquí unha oportunidade”.
Impulso á mobilización de terras
O titular do Executivo autonómico explicou que Galicia segue intensificando o seu esforzo nesta materia, cunha partida que este ano alcanza os 16,7 millóns de euros para procesos de concentración parcelaria. Nesta liña, avanzou que a previsión da Xunta é “entregar 25 parcelarias antes do ano 2028” –entre as que se inclúe esta de Mesía– e iniciar os trámites para decretar sete novas reestruturacións neste 2026.

Así mesmo, lembrou que, dende o ano 2020, a Xunta rematou un total de 39 concentracións parcelarias, que abranguen unha superficie total de máis de 27.000 hectáreas e beneficiaron a preto de 20.460 propietarios.
Esta medida sumarase a outros instrumentos de mobilización previstos na Lei de recuperación da terra agraria, como os polígonos agroforestais, respecto dos cales está previsto entregar este ano os dous primeiros, que son os de Oímbra e Cualedro.
Finalmente, o presidente da Xunta trasladou o seu agradecemento aos veciños pola súa confianza e paciencia durante un proceso que “non é sinxelo” e asegurou que a Xunta seguirá defendendo os intereses do agro galego, incluída a nova Política Agraria Común (PAC) para que conserve unha forma de xestión eficaz, siga dispoñendo dun volume suficiente de fondos para a modernización e garanta o desenvolvemento rural. “Todas esas axudas que viñeron a Galicia e que serviron para as grandes transformacións que viviu o noso agro nestes últimos 20 anos, hai que seguir manténdoas”, afirmou.

Deja un comentario