Dez lugares da Eurorrexión acollerán a participación do alumnado nunha programación en directo retransmitida desde a web de Ponte…nas ondas!
A xornada en Compostela contará coa participación da cantareira Nébeda Piñeiro, o deseñador Eduardo Rial ou o tradutor da ópera prima de Begoña Caamaño, homenaxeada nas Letras Galegas 2026, Xosé A. López Silva
Foi presentada este venres coa decana da Facutlade, Ana Isabel Rodríguez; o presidente de PNO!, Santiago Veloso e o coordinador da xornada en Compostela, José M. Diego
A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, o auditorio do Museo de Artes Decorativas de Viana do Castelo, a Radio Municipal de Allariz, os auditorios de Caión na Laracha ou do Vello Cárcere de Lugo, serán algúns dos puntos desde os que Ponte… nas Ondas! prevé emitir unha programación simultánea de xornada radiovisual interescolar o vindeiro venres 24 de abril.
A xornada foi presentada este venres precisamente na Facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela, nun acto que contou coa participación do presidente da Asociación, Santiago Veloso; e do coordinador da xornada en Compostela, José Manuel Diego, que destacou que se trata dunha emisión que “dialoga co talento dos centros, da propia Universidade e coas iniciativas e propostas culturais emerxentes en toda a bisbarra”.
Así, no caso de Compostela contará coa participación de nove centros escolares de toda a comarca de Santiago. Polos micrófonos da emisión desde a capital galega pasarán voces como a da cantareira Nébeda Piñeiro, directora do grupo de pandereteiras Lina e Lola; a acriz Mariña Pena, o escritor Adrián Noia ou o deseñador Eduardo Rial. Tamén a banda Fuego Lolita, Xosé A. López Silva, o tradutor da ópera prima de Begoña Caamaño, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas -Circe ou o pracer do azul-, ou o artesán Iago Salgado serán entrevistados polas nenas e nenos da bisbarra de Compostela.
Unha xornada da que tamén fará parte alumnado da propia Facultade, como destacou a decana, Ana Isabel Rodríguez, da man de proxectos xornalísticos emerxentes en formato de podcast que se están a cociñar nas aulas: Bocazas con Encanto e Con.Ulises.Ollero.
A xornada comezará ás 10.00h. da mañán (9.00h. en Portugal) e os centros educativos desprazaranse a cada un dos espazos asignados nas diferentes grellas de programación de cada lugar.
A organización conta coa colaboración de diferentes institucións como a Xunta de Galicia, Deputacións, Concellos, Universidades e Centros de Formación de Profesores de Galicia e de Portugal que colaboran con Ponte…nas ondas! para que se visibilice o “modelo” que a UNESCO incluíu no Rexistro das Boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial (PCI) en 2022 a proposta de Portugal e España.
Ademais, este ano, o modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial está sendo o exemplo escollido pola UNESCO para a futura plataforma das boas prácticas co PCI que será presentada no mes de decembro en Xiamén (China).
Patrimonio, educación, TICs e comunicación
A programación do “radiovisual” contempla unha grande variedade de formatos e de guións radiovisuais que os diferentes centros preparan para a súa realización en directo: entrevistas, actuacións, performances, magacines, intervencións literarias, teatro, danza…
A participación de persoas e comunidades portadoras do patrimonio vai ser outra das principais intervencións na programación, transmitindo os seus saberes e facendo demostracións in situ.
Desde a Costa da Morte chegarán as regueifas e toda a marea da cultura marítima xunto coa recuperación dun antigo curtidoiro de peles, en Lugo estarán animando o radiovisual Iria Estévez cos seus camiños do fado e Branca Villares co grupo Troupelear, en Ourense a tecedeira Concha Outeiriño transmitirá os seus saberes e Lito achegará a práctica dos xogos tradicionais, en Allariz será presentado o Cancioneiro galego-portugués, en Pontevedra o alumnado de Marín realizará un maio durante a programación, en Vigo asistiremos á representación dunha peza teatral recuperada en Salceda de Caselas, en Valença do Minho encontraranse escolas das dúas marxes do Minho para falar das pesqueiras, do contrabando ou do ciclo do linho e asistirán á inauguración os alcaldes da Eurocidade Tui-Valença e, en Viana do Castelo asistiremos no Museu de Artes Decorativas a unha demostración dos bordados de Viana ou á exhibición de pezas téxtiles do Museu do Traje.
ESPAZOS DO RADIOVISUAL
– Auditorio de Caión (A Laracha)
– Auditorio de Vimianzo
– Facultade de Ciencias da Comunicación (Santiago de Compostela)
– Auditorio do Vello Cárcere (Lugo)
– Auditorio Marie Curie (Ourense)
– Radio Municipal de Allariz
– Auditorio Miralles (Universidade de Vigo)
– Auditorio IES Luis Seoane (Pontevedra)
– Auditorio A.E. Muralhas do Minho (Valença do Minho)
– Auditorio Museu Artes Decorativas (Viana do Castelo)




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.