Sunday 19 de April de 2026

O Concello de Boqueixón inicia as obras de mellora e ampliación da rede municipal de saneamento en Xiadás (Gastrar)


A actuación forma parte dun proxecto que inclúe a ampliación da rede municipal en oito núcleos de poboación

O Concello de Boqueixón vén de iniciar as obras de mellora e ampliación da rede de saneamento municipal no núcleo de Xiadás (Gastrar), onde se pretende instalar unha nova canalización de 313 metros de tubaxe e a execución de 8 pozos de rexistro e 11 arquetas para conexións. Uns traballos que deron comezo esta semana coa escavación da zanxa precisa para o soterrado das canalizacións.

A maiores, o proxecto inclúe a construción dunha pequena estación depuradora composta dunha arqueta con reixa de desbaste, fosa con decantador-dixestor e filtro biolóxico, arqueta de inspección e toma de mostras e un pozo filtrante con recheo de grava ao seu arredor. Unha instalación apta para depurar unha carga contaminante correspondente a 25 habitantes equivalentes.

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, explica que “continuamos ampliando e mellorando a nosa rede municipal de saneamento. Por unha banda temos que dicir que as obras da aldea de Zaramacedo, na parroquia de Lamas, avanzan a moi bo ritmo e esta semana comezamos coas obras de saneamento na aldea de Xiadás, en Gastrar. E seguiremos ata completar os oito núcleos de poboación incluídos neste proxecto no que estamos a investir máis de 400.000 euros”.

Inversión de 400.000 euros

As actuacións en Xiadás e Zaramacedo son as primeiras do proxecto de mellora e ampliación da rede de saneamento en oito núcleos de poboación, adxudicada á empresa Hordescon SL por algo máis de 400.000 euros. Unha actuación que permitirá ampliar en 2.981 metros a rede actual de saneamento municipal coa construción de 71 novos pozos de rexistro, 34 arquetas e 4 pequenas depuradoras. As obras acométense con cargo ao POS+ Adicional 2/2024.

Ademais destas obras en Xiadás e Zaramacedo, está previsto prolongar en case 400 metros a rede de saneamento en Ardilleiro Pequeno, con 13 pozos de rexistro, 8 arquetas e unha pequena depuradora con capacidade para dar servizo a 15 casas. En Eirexe e Agra canalizaranse outros 910 metros de tubaxe e instalarase unha pequena depuradora para dar servizo a 10 vivendas. Do mesmo xeito, instalaranse outros 285 metros de tubería en Frenza.

No núcleo do Casal preténdese canalizar 399 metros de tubería de saneamento, cunha estación apta para depurar a carga de 25 habitantes; mentres que en Villalapaz canalizaranse 365 metros de tubaxe de saneamento e instalarase un pozo de bombeo.

Deja un comentario