O próximo 6 de maio deixará San Sadurniño a serie de fotografías realizadas por Gabriel Tizón nas costas gregas. Son 25 estampas do drama que viven as persoas que foxen da guerra, pero tamén da solidariedade de centos de voluntarios e voluntarias volcadas en tentar axudarlles ante a pasividade internacional, empeñada ademais en pecharlles a porta. Quen está alí botando unha man no que poden -como fixeron e fan o propio Tizón e a súa compañeira Rocío Botana- mesmo foron detidos ou expulsados da zona cero do desastre humanitario. Tratados, en definitiva, como delincuentes.
Rocío e Gabriel estiveron este xoves en San Sadurniño para guiar os rapaces e rapazas da ESO do CPI de San Sadurniño pola exposición fotográfica situada no primeiro andar da Casa do Concello. Máis que describir as imaxes, a traballadora social e o fotoxornalista ocupáronse de describir con detalle as orixes dunha crise con raíces no interese económico e tamén de falarlle á rapazada da situación que se vive nas costas de Lesbos ou na zona de Idomeni, a día de hoxe os puntos onde o drama das persoas refuxiadas é máis palpable.
Ambos activistas insistiron moito na necesidade de dar a coñecer e concienciar sobre a dimensión real do que, seguramente, sexa o maior desastre humanitario que vive Europa desde a Segunda Guerra Mundial. E é que, segundo suxeriron, o que se sabe polos medios é só unha pequena parte da dimensión real do problema e, aínda por riba, unha parte interesada debidamente filtrada polos grandes grupos de comunicación.
Porén, tanto Gabriel Tizón como Rocío Botana tamén falaron das historias de quen tiveron que fuxir dos conflitos e da represión. Persoas -Tizón recalca a palabra constantemente- de Siria, de Iraq, de Afganistán… de lugares non tan lonxanos onde deixaron seres queridos e casas ás que agardan voltar algún día.
“Delincuentes” permanecerá na galería do Concello ata o venres da semana que vén. Quen aínda non pasase por alí debe saber que a mostra pode visitarse polas mañás, incluso este sábado entre as 9.30 e as 13.00h.