Sunday 19 de April de 2026

Bergondo organiza o taller de fotobordado “Coser a historia” para render homenaxe ás mulleres inspiradoras do municipio


· A actividade, enmarcada no programa ‘Bergondo en feminino 2026’, celebrarase o 23 de abril no centro social de Cortiñán.
· As persoas participantes crearán unha peza colectiva que se expoñerá xunto á máquina de coser de ‘Fina a Costureira’.
· A inscrición é gratuíta e non se require experiencia previa en costura

O Concello de Bergondo continúa desenvolvendo a programación do seu proxecto de visibilización e memoria ‘Bergondo en feminino 2026’ cunha proposta que axunta arte, recordos e diálogo. O vindeiro xoves, 23 de abril, o centro social de Cortiñán ‘Josefa Crespo Veiga’ acollerá o taller “Coser a historia”, unha actividade de fotobordado guiada por Verónica Ramilo.

O taller, que se desenvolverá en horario de 17.00 a 20.00 horas, exponse como un espazo de arte, palabra e costura para bordar fotografías de vida. A dinámica invita os asistentes a transformar os seus recordos nunha creación artística colectiva. Para iso, anímase a cada participante para levar unha fotografía propia (xa sexa en formato impreso ou dixital) dunha muller que lle resulte inspiradora. Quen non dispoñan dunha imaxe poderán utilizar as que facilitará a propia organización.

Durante a sesión, os asistentes intervirán as súas fotografías a través da costura manual, creando un espazo de encontro onde se compartirán historias e conversacións sobre aquelas mulleres que deixaron pegada nas súas vidas. Desde a área de Servizos Sociais recalcan que non é necesaria ningunha experiencia previa en costura para poder participar.

O resultado final deste encontro será a creación dunha peza conxunta. Esta obra comunitaria terá un destino moi especial: será exposta publicamente xunto á máquina de coser de “Fina a Costureira”, unindo así esta homenaxe presente co legado das mulleres traballadoras do municipio.

Inscricións

Para participar, as persoas interesadas deben formalizar a súa inscrición a través da ligazón habilitada polo Concello: i.gal/bef2026. Ademais, para axilizar a dinámica do taller, solicítase enviar previamente a fotografía elixida ao correo electrónico paola@rexenerando.com. Para resolver calquera dúbida, contactar co Departamento de Servizos Sociais en serezabel.rodriguez@bergondo.gal ou no 981 791 252 (extensión 4).

Deja un comentario