Sunday 19 de April de 2026

Comunicado de BNG de Cabanas ante o uso político dos escritos presentados polo persoal municipal


O BNG de Cabanas quere trasladar publicamente o seu respecto absoluto polo persoal municipal e polo traballo que realiza cada día ao servizo da veciñanza. En ningún momento, nin en sesión plenaria nin fóra dela, o noso grupo político realizou xuízos de valor sobre o desempeño profesional de ningún empregado ou empregada pública. As intervencións do BNG nos plenos municipais diríxense exclusivamente a fiscalizar a política de persoal do goberno. Preguntar polos criterios de asignación de tarefas, produtividades, nomeamentos temporais ou organización interna non é un ataque ao persoal afectado, senón un deber democrático: A fiscalización é unha das funcións que a lei atribúe á oposición, e omitila para unha área tan central para o funcionamento do concello como é a política de persoal suporía estar a facer flaco favor á veciñanza.

Nos últimos días, diversos escritos lexitimamente presentados por traballadores e traballadoras municipais foron utilizados polo alcalde para elaborar e difundir un comunicado político en nome do Concello atacando á oposición.

En primeiro lugar, o BNG considera necesario sinalar que os propios escritos do persoal solicitan expresamente que non se mesture a súa actividade profesional coa confrontación política, e que o uso destes documentos por parte do alcalde para elaborar un comunicado partidista vai xusto na dirección contraria ao que o persoal demanda.

En segundo lugar, o BNG de Cabanas lamenta e condena que o uso deliberadamente torticeiro que o alcalde fai destes escritos, tentando igualar a crítica política cara ao traballo do goberno coa crítica ao persoal municipal. Este intento desvergoñado de mesturar e confundir só se explica como unha acción desesperada para tentar distraer da súa incapacidade de resolver os problemas existentes na política de persoal, que son responsabilidade exclusiva deste goberno.

Este grupo municipal reafirma o seu compromiso cunha oposición seria, rigorosa e respectuosa, centrada en garantir a transparencia, a legalidade e o bo funcionamento dos servizos públicos. É por iso que desde o BNG e desde o noso grupo municipal no concello de Cabanas queremos deixar claro que imos a continuar exercendo o noso labor de fiscalización da política de persoal, como non pode ser doutro xeito, con responsabilidade e dentro dos límites que marca o regulamento, confiando en que o persoal municipal entenda que o debate político sobre a política de persoal do goberno non constitúe un cuestionamento da súa profesionalidade nin unha crítica ao seu desempeño.

Deja un comentario