Sunday 19 de April de 2026

O Concello de San Sadurniño contratará un peón ou peoa forestal con cargo ao programa autonómico Galicia suma talento: Rural Activo 2026


O Concello de San Sadurniño participa este ano no programa Galicia suma talento: Rural Activo 2026 (antes denominado APROL Rural) convocado pola Xunta para favorecer a inserción laboral de persoas  desempregadas, facilitándolles un contrato a tempo completo durante nove meses para facer  tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios. Neste sentido, o Concello xa ten en marcha o correspondente proceso selectivo dunha peoa ou peón especialista forestal. Un proceso que non é aberto, senón que se fará a partir dun listado de aspirantes que encaixen no perfil facilitado polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

A diferenza dos contratos temporais do PEL provincial -que tamén arrancaron hai uns días-, no caso do Rural Activo non hai un prazo de presentación de instancias nin tampouco se pode solicitar directamente no Concello a participación no proceso selectivo, senón que este vai levarse a cabo a partir do listado de persoas candidatas que se lle solicitará ao SPEG a empezos da semana que vén.

Por este motivo o Concello leva insistindo varios anos  cando se fala deste programa (antes denominado APROL Rural) en que as persoas que queiran ser chamadas para proba selectiva deben ter ao día a tarxeta de demandante de emprego e, ademais, tamén deben terlle indicado ao Servizo Público de Emprego de Galicia a súa preferencia por traballos que cadren co posto ofertado pola Administración local, de acordo co listado Código Nacional de Ocupación da Seguridade Social.

No listado CNO aparecen descritas case todas as profesións cos seus números clave, que son os que nos pon na ficha o servizo de emprego cando nos inscribimos como demandantes. É dicir, se por exemplo a oferta é para un contrato de Peón/oa especialista forestal -como é o caso-, na nosa inscrición no SPEG deberá figurar o código 9543 “Peóns forestais e da caza”, para termos garantías de que o servizo público de emprego nos inclúa no listado de persoas preseleccionadas que poderán participar no proceso selectivo.

O posto acollido ao  Galicia suma talento cubrirase mediante un contrato temporal para a mellora da ocupabilidade e da inserción laboral. Será de 9 meses de duración a xornada completa, cun salario bruto de 1.424,50 euros ao mes, incluída a parte proporcional das pagas extra.  O perfil que se buscará é o dunha traballadora ou traballador que faga tarefas de limpeza de vías municipais e roza de maleza. Deberá posuír o carné de conducir B.

Unha vez que o SPEG envíe a relación de aspirantes -algo que seguramente ocorra nos próximos días-, o Concello fará os chamamentos e levarase a cabo entre eles e elas un proceso selectivo mediante concurso-oposición.

Na fase de concurso valorarase a formación recibida en cursos de capacitación relacionados co posto e tamén as circunstancias socioeconómicas das persoas candidatas. Entre estas últimas estarían a de ser menores de 30 anos ou maiores de 45 en situación de desemprego, ser muller, ser vítima de violencia de xénero, ter esgotado as prestacións, non percibir subsidios nin rendas non contributivas, ter algunha discapacidade recoñecida, pertencer a colectivos desfavorecidos, etc. Na fase de oposición farase unha proba práctica que avaliará a destreza no manexo con seguridade dos aparellos que se utilizan na roza e limpeza de espazos públicos.

Unha vez concluído o procedemento, o tribunal proporá o nomeamento da persoa con máis puntuación total. Se non hai imprevistos, a estimación é que poida estar traballando xa na primeira quincena do mes de xuño.

O contrato que se formalice con cargo ao Galicia suma talento: Rural Activo 2026 sumarase aos outros dous de carácter temporal financiados polo PEL da Deputación da Coruña, un durante 6,5 meses para reforzar o departamento de Servizos e Obras.

Deja un comentario