Sunday 19 de April de 2026

O Concello solicítalle á Xunta a cesión de dous tramos da antiga estrada de Ortigueira en Cornide


O Concello de San Sadurniño vén de remitir un escrito á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) solicitando a cesión gratuíta de dous tramos da antiga estrada C-642 (a actual AC-862) ao seu paso por Cornide. Trátase de dúas grandes curvas que xa non forman parte do trazado principal da vía e que actualmente só prestan servizo de acceso ás vivendas da zona. A petición fundaméntase na utilidade municipal de asumir a súa titularidade, sobre todo para facilitar os trámites urbanísticos das parcelas lindeiras. Ademais, na práctica o Concello xa se está encargando do seu mantemento en canto a limpeza das beiras ou a iluminación pública dun dos tramos. A cesión, segundo o Goberno local, permitiría “optimizar a xestión destes espazos e simplificarlle trámites á veciñanza”.

Segundo recolle o escrito remitido á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, os dous tramos sitúanse arredor do punto quilométrico 15+440 da AC-862 -nas inmediacións da estación de servizo Galp- e corresponden a curvas da estrada vella que quedaron fóra do trazado principal aló a empezos dos anos 90, cando se acometeu a reparación integral da antiga AC-642. Estes segmentos teñen unha lonxitude duns 180 e 330 metros respectivamente e discorren por solo rústico de protección ordinaria, conectando en ambos extremos coa estrada actual.

O Concello argumenta na súa petición que estas dúas vías carecen de funcionalidade dentro da rede autonómica, limitándose o seu uso ao acceso ás vivendas próximas. Esta circunstancia, unida á súa configuración e localización, “fai que non resulten necesarias para o servizo público da estrada autonómica, o que reforza a conveniencia de que a Xunta llas ceda ao Concello”, comenta o alcalde, Secundino García Casal.

O Goberno local subliña tamén que o mantemento destes tramos -aos que a AXI lles botou unha capa de aglomerado non hai demasiado tempo- xa se vén realizando de facto por parte dos servizos municipais, o que inclúe actuacións de conservación e a prestación de servizos como o da iluminación pública. Neste sentido, o traspaso formal da titulariedade “permitiría regularizar unha situación que xa se está producindo na práctica e mellorar a eficiencia na xestión destes espazos”, engade García Casal.

Desde o punto de vista urbanístico, a cesión tamén suporía importantes vantaxes para as parcelas lindeiras. Segundo o informe técnico municipal, o paso a mans do Concello de ambos tramos eliminaría as limitacións derivadas das zonas de afección da estrada autonómica, simplificando os trámites administrativos e facilitando a realización de obras ou actuacións nas fincas.

Ademais, no caso dun dos tramos, parte dos terreos contiguos están clasificados como solo de núcleo rural, polo que a cesión abriría a porta a novas posibilidades de desenvolvemento urbanístico. Entre elas, a habilitación de novos accesos, a parcelación ou mesmo a construción de vivendas e outras edificacións sen necesidade de autorización previa da AXI.

O Concello considera que a cesión destes dous tramos “redundaría nun beneficio claro tanto para a administración local como para a veciñanza, ao permitir unha xestión máis áxil e adaptada á realidade do territorio”. A solicitude inclúe tamén a petición dun certificado sobre a situación xurídica de ambos tramos e a posible existencia de cargas.

Deja un comentario