O curso comezará o sábado 11 de xuño
A Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA), en colaboración co Concello de San Sadurniño organizan un novo curso dirixido a aquelas persoas que queiran iniciarse ou mellorar os seus coñecementos sobre a produción das árbores froiteiras. No boletín Novas informábase de que o prazo finalizaba este venres. Porén, a entidade decidiu ampliar o prazo de inscrición e tamén mover para máis adiante a data de inicio. Deste xeito a nova data tope para apuntarse será o 10 de xuño, chamando ao 616 332 919 ou enviándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.
O docente do curso será o técnico na materia Alberto Varela, que abordará cuestións como a morfoloxía da árbore froiteira e as técnicas de plantación, pero tamén os traballos de mantemento, poda, e enxertado. O curso tamén tratará sobre as enfermidades máis habituais e o seu tratamento e, por último, tamén tocará os procesos de colleita e transformación de froitas e hortalizas.
Serán un total de 24 horas de formación que terán lugar na Casa da Xuventude os sábados entre o 11 de xuño e o 30 de xullo. As sesións empezarán ás 9.30h. e rematarán ás 12.30h. Ofértanse ata un máximo de 25 prazas e para levar adiante o curso será necesario un grupo mínimo de 10 participantes.
O prezo estableceuse en 35 euros para persoas socias da AGFA do Eume e de 50 para non socias. O pagamento haberá que facelo o primeiro día do curso. As inscricións poden facerse ata o venres 10 de xuño ás 14.00h. na Casa da Cultura, chamando ao 616 332 919 ou enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.
Este venres, charla sobre maceiras
E no serán deste último venres de abril, a Casa da Xuventude tamén acollerá ás 19.00h. unha charla gratuíta sobre as variedades de maceira existentes na comarca. Ramiro J. Martínez Picos, un dos grandes expertos galegos en froiteiras do país, volve a San Sadurniño para falar da grande variedade de mazás que temos na nosa zona. Boa parte delas forman parte da horta da Cortiña, pero hai moitas máis e cada unha delas ofrece sabores e posibilidades distintas. A sesión ten como obxectivo afondar nas características das maceiras autóctonas e as súas aptitudes, pero tamén coñecer cal é o seu estado de conservación e de que maneira se pode mellorar o seu cultivo.